"Todo colectivo reivindicativo é necesario ante o pasmo político"

Hai uns seis anos que un grupo de xente do Saviñao formou unha asociación de veciños co obxectivo de mobilizar á poboación e de reivindicar os seus dereitos. Violeta Pérez é a súa presidenta, unha muller que pensa seguir loitando porque os políticos seguen "pasmados"
Violeta Pérez Figueroa
photo_camera Violeta Pérez Figueroa

TRABALLA EN PADRÓN , onde imparte clases de lingua castelá, reside en Santiago e as súas raíces están en Escairón desde 1967. Nos seus primeiros anos estudou na zona e involucrouse en varios movementos culturais. Desde fai seis anos está implicada de cheo na Asociación Veciñal do Saviñao, un colectivo que tenta espertar sobre todo a conciencia dos políticos para atender os dereitos dos veciños. Paralelamente hai outro obxectivo, que é facer pobo, manter unidos aos veciños para reclamar desde o arranxo dunha fochanca ata a consecución dun médico. Violeta Pérez Figueroa é a presidenta da agrupación desde hai catro anos e ao longo do seu labor no posto destaca as campañas reivindicativas para tentar que se conseguise manter o posto dun médico e dun enfermeiro, algo que foi imposible, así como crear unha ruta de sendeirismo. En calquera caso, considera que o asociacionismo é algo fundamental e imprescindible máis ca nunca.

Por que crearon a asociación?

Calquera que coñeza a realidade social e económica do Saviñao, do resto da comarca de Lemos e de toda a Ribeira Sacra, dase conta de que as cousas van a peor, que os pobos quedan sen xente e que nos de maior entidade, como pode ser Escairón, non hai recursos para os veciños aínda que si para os políticos, que non dubidan en poñerse soldos a discreción. É incrible pensar que no Saviñao hai catro dedicacións exclusivas e que nin sequera se atenden as demandas dos veciños. Só pensan no poder. Nós creamos a asociación para tentar sacar do pasmo a quen está no Concello, pero tanto aos que gobernan como aos que están na oposición. Ningunha das dúas partes está á altura das circunstancias. Aínda que non son bos tempos e non hai recursos, o caso é que tampouco se preocupan nin polo máis mínimo. Por iso consideramos que O Saviñao necesitaba esta asociación, que é un colectivo para mover á xente, para que nin os políticos nin os veciños estean quietos. Aí é onde queremos que quede claro que estamos totalmente separados dos grupos políticos e, posiblemente por iso, non sexamos ben vistos por ningunha das partes. Con todo, os veciños apoian moitas das nosas propostas.

Cantos socios ten o colectivo?

"Non somos ben vistos nin polo goberno nin pola oposición. Ningún deles está a altura das necesidades do Saviñao"

Seremos preto duns 150, que pagamos 12 euros ao ano, pero hai moita máis xente que sen ser socia está directamente unida á agrupación. Calquera persoa pode estar nela ou participar nos actos que organizamos. Non somos unha asociación cultural, pero tamén facemos algunhas actividades relacionadas coa cultura. Por exemplo, preocupámonos por mantela viva. É imprescindible que en todos os pobos haxa un movemento como o noso para empuxar aos políticos e demandar actuacións, ou simplemente, para controlalos.

Cales foron as actuacións máis destacables destes anos de vida da asociación?

Un dos movementos foi para o mantemento dun médico e un enfermeiro que se perderon do centro de saúde. Fixemos todo o posible, mobilizamos a moitísima xente, pero non conseguimos nada... mellor dito, non logramos o obxectivo, pero si que se uniu e se sensibilizou á xente. Iso foi un logro e por iso non nos sentimos fracasados. Iso foi un dos temas con máis implicación sen éxito, pero hai outros nos que conseguimos o apoio das institucións, por exemplo para facer a ruta de sendeirismo homologada, entre O Saviñao e Pantón. Aí está porque é unha obra fundamental para o turismo que, a este paso, vai ser unha das únicas fontes de futuro. O Concello tamén nos deu as costas.

Cales son os proxectos que teñen en mente?

Un é conseguir que A Devesa siga sendo un espazo protexido, aínda que nin sequera se respecten as condicións da persoa que a doou, o doutor López Suárez, Xan de Forcados. O Concello constrúe máis inmobles dos que había. Vai ampliando aos poucos, como a gardería, e o doante deixou dito que se mantivese o espazo. A maiores non se fai un mantemento correcto da zona verde. Pedimos en varias ocasións un plan integral de protección porque hai que sanear as árbores. Non é o mesmo que estean nun bosque, onde cae unha rama e non pasa nada. Aquí si pode haber perigo. Ademais está nunha poboación e iso inflúe moito no seu hábitat.

Tamén organizan algunhas excursións.

Todos os anos facemos distintas baixadas polos chamados Cóbados de Belesar. Empezaremos mañá a realizar as rutas. É unha forma de dar a coñecer a zona e de manter os carreiros en boas condicións. Hai que facer un pouco de todo para que os veciños e os visitantes coñezan os valores a comarca.

Comentarios