Toda unha vida profesional entre a comuñón e a voda de Marta

Foto Sebe inmortalizará en 2017 a unha noiva moi especial, xa que hai tres décadas ela protagonizaba o seu primeiro traballo
Antonio e Marta, vendo o traballo de Seli en Foto Sebe de Castro
photo_camera Antonio e Marta, vendo o traballo de Seli en Foto Sebe de Castro

O primeiro que Marta, de Cospeito, e Antonio, de Castro de Rei, escolleron cando comezaron cos preparativos da súa voda foi o fotógrafo. A noiva aclara que aínda non se meteron de cheo na organización da cerimonia, fixada para xullo deste 2017, pero si que tiña claro quen ía ser o encargado de inmortalizar un dos días máis especiais da súa vida, Seli Prieto, de Foto Sebe.

«Foi idea miña, fixo todas as fotos de celebracións da miña familia, así que llo comentei a Antonio e pareceulle ben», apunta Marta, a quen hai tres décadas Seli xa fotografara noutro deses días que quedan gardados no recordo, o da súa comuñón.

E aquelas fotos tiveron un significado especial para ambos, xa que tamén foron o primeiro traballo profesional de Seli, o seu debut oficial como fotógrafo, con só 14 anos. «Levoume miña nai no coche, estaba de practicas, facer algunha foto, e ese día tiven que ir porque había moito traballo», lembra este membro dunha longa saga de profesionais, que daba así os seus primeros pasos no negocio familiar Foto Prieto de Cospeito, antes de independizarse e fundar, xunto á súa socia, Foto Sebe.

«Nunca olvidei a primeira reportaxe, a de Marta», di Seli e, por esas casualidades que ten o destino, o encargo da voda volve coincidir cun momento importante na vida do fotógrafo. É a primeira reportaxe contratada na súa nova tenda de Castro: «Nesta zona sempre traballamos moi ben e pensamos que lle debiamos esa atención ao cliente, para non ter que desprazarse», di Seli, que aínda non definiu coa parella como serán as fotos da voda.

«Da comuñón fixeramos fotos na igrexa e na casa, ata llas ensinei a Antonio para que as vise e gustáronlle», lembra Marta, ilusionada porque o fotógrafo, con quen nunca perdeu o contacto, volva ter un papel destacado nun dos momentos clave da súa vida.

No tempo transcorrido, este mundo da fotografía evolucionou moito. «Hai que estar ao día, seguimos facendo cursos», explica Seli, porque «hoxe non podes facer unha voda coma hai 20 anos, antes era máis de pose, pero agora buscase frescura, máis informalidade». «Antes cada foto costaba, agora traballas doutra maneira». apunta, se ben incide en que, os veteranos «temos outra vista do encuadre das fotos, seguímonos fixando nos detalles».

E sen dúbida, é todo un detalle que 31 anos despois Seli e Marta, co permiso de Antonio, volvan compartir un deses ‘momentos’ que todo profesional persegue para acadar a foto perfecta.

Comentarios