Tocar de ouvido

Paseniñamente, o novo goberno galego vai deixando o seu carimbo en ámbitos tan decisivos como é o idioma, onde está actuando con desmesurada rapidez e unha grande dose de improvisación e, mesmo, de zarapallada. Non hai mais que reparar na sonada enquisa, pomposamente titulada ‘Consulta ás familias sobre a utilización das linguas no ensino non universitario’. Reparemos nun exemplo: en Ciclos Formativos, perante a pregunta sobre se está de acordo con que se impartan materias en ingles, ainda que un 63% di que si, resulta que un 36,4 % afirma que non. E a ver cómo se resolve agora a situación, porque o certo é que calquera, á luz do sentido comun, sabe que determinadas cuestións non deben ser submetidas a referendo, porque se os enxoitos resultados a prol do galego van determinar restricións na redacción do futuro Decreto, haberá que facer o propio polo que atinxe ao inglés, e compre ir pensando en próximas consultas sobre o deseño curricular: porcentaxes de presenza das matemáticas, a ximnasia, a filosofia,a historia, as visitas guiadas, as viaxes de fin de curso e, por qué non, a extensión dos anos sabáticos ao profesorado de ensino infantil, primario, secundario e formación profesional, para ser substituidos neses periodos polos propios pais, aos que tan ledamente se lles acaba de pór nas mans cuestións propias de especialistas, nunha sorte de lixeireza mais que inquedante estarrecente.

 

Quizais haxa quen argumente que o ensino do galego foi un dos grandes motivos de discusión e controversia dentro da nosa sociedade, argumento un tanto falaz e desde logo interesado. Mais se tal é a consideración principal para levar a cabo a repentina consulta, moito mais controvertido, e desde logo grave, é todo o relativo ao tráfico en Galicia; e sendo que a nosa comunidade ten características tan propias e particulares na materia que todos os grupos políticos téñeno recoñecido, até o ponto de instar a transferencia das competencias en tráfico, quizais se poderia comezar por consultar, pero só aos condutores, de igual xeito que a Consellería de Educación só pide a opinión dos pais. ¿Debe aumentarse o límite de velocidade en autovias e autoestradas de 120 kms. á hora até 140? Quizais 160? E as multas? ¿E qué tal instalar unha picota en cada recuncho do país e poñer nela aos condernados por ir sen cinto de seguridade? Créanme, haberia sorpresas tan maiúsculas ou mais que as da enquisa que comentamos.

 

Claro é que resulta que o idioma é outra cousa, pero con todo, non se preguntou nada sobre as preferenzas relativas á aprendizaxe do esperanto, pese a contar cunha longa aboenza no nume da nosa sociedade, sobre todo se temos en conta que figuras senlleiras dentro das nosas letras como Vilar Ponte, Noriega Varela ou Leiras Pulpeiro mostraron o seu interese por este idioma universal nalgún momento da sua vida. En fin, é o que ten tocar de ouvido nalgunhas pezas. 

Comentarios