Tócaa outra vez, Sam

NOUTRO TEMPO o curriculum de moitos personaxes arrequeciase coa atribución de ser o destinatario un brillante polemista, ainda que empregando a frase con rexouba houbo quen a aplicou a outro cun ocorrente e corrosivo engadido: de casino de provincias. Por mais que ultimamente  se rexistran algunhas polémicas, sobre todo en ámbitos restrinxidos coma o literario, o certo é que non son estas tirapuxas algo excesivamente cultivado. O que abonda con profusión é o panfleto, particularmente o  destinado ao consumo interior, ou sexa tamén acoutado, posto que se endereita á propia secta, posiblemente porque é tan necesario como determinados correctores proteinicos para o gando, tanto ten de carne coma de leite. E, con todo, o panfleto —libelo difamatorio ou opúsculo de carácter agresivo segundo o dicionario—, que se usa como despectivo normalmente, pode chegar a ser unha obra de arte en sentido figurado. Non é o máis frecuente.

Pois ben, dentro da categoría á que aludimos, existen variadas formas, desde aquelas que parten da capacidade autoatribuida para acreditacións de todo tipo como a de demócrata, nacionalista, patriota, esforzado militante, etc., até os dardos adobiados de recursos como citas, comparacións e fontes bibliográficas. Curiosamente os articulos, ensaios, opúsculos ou separatas nunca se ocupan de asuntos semellantes relativos ao comunismo. Quer decirse, sendo comunistas moitos dos marchantes, mesmo con estrelas de oito puntas, xamais tecen a máis mínima crítica aos seus discrepantes por non abrazar o comunismo.

Pois ben, á modalidade mais cultivada pertece o caso que  ocupa esta entrega e que afectou a unha persoa coñecida. O pretendido polemista e expendedor de identificacións, comezaba o seu texto nada menos que cunha cita de Jonathan Swift, sobradamente coñecida por excesivamente sobada: «Un partido político é a loucura de moitos para beneficio duns poucos». Pero, velaí, o teorizador falsifica o texto e introdúcelle o adverbio 'non', ou sexa que para este arquetipo da honestidade intelectual, o escritor satírico irlandés dixo que un partido político non era a loucura de moitos, cando foi xustamente o contrario  Claro que poderiamos entrar a debullar se estamos perante un 'lapsus linguae' ou un 'lapsus calami', e alumeados polos rudimentos da psicoloxia tirados de calquer manual ao uso, descubrir deste xeito e teorizar de onde procede o erro, e qué tipo de fenómeno ou concepción epistemoloxica agacha a transformada cita. Pero como sexa que non todos somos un encoro de sapiencia, nen un medidor de prudencia, nen o fiel de todas as balanzas e moito menos o administrador apostólico da ética, ha ser mellor deixar a cousa así e non seguir co relato, xa que tampouco estamos tan dotados como o incógnito ao que aludimos para o relato de ficción. Rematemos dedicándolle como agasallo unha cita cinematográfica que nunca existiu: «Tócaa outra vez, Sam».

Comentarios