A tiranía do inmediato

DEIXANDO Á PARTE outras moitas, porque os feitos a maioría das veces non responden a unha soa causa, a obsesión polo inmediato é posibelmente unha das culpábeis da crise. Dito con outras palabras, a crise foi xerada, entre outras cousas, por unha mala administración do tempo ou, se lles soa mellor, dos tempos,

Queriámolo todo xa, para onte a poder ser, como se as persoas de agora portásemos o cromosoma da présa, ese que nos impediría agardar a que os froitos da vida e o traballo caeran polo seu peso, maduros. Isto explica que o maior problema da nosa economía sexa o endebedamento a nivel particular. Mais a présa non era conxénita, senón adquirida.

A carreira, en realidade, estaba instigada polos bancos. Os que mandaban neles esporeaban aos que tiñan por baixo para que colocasen préstamos a babor e estribor, mellor canto máis grandes, sen considerar as dimensións do barco que moitas veces non era máis que unha pobre gamela. Quen non se deixaría cegar polo piso novo, os mobles novos, o coche novo? Antes, chegar a esas cousas, se é que se chegaba, levaba anos. Na actualidade semellaban ser o punto de partida. Poucos repararon no que sería o lugar do equilibrio, o do «nin con todo, nin sen todo».

Sospeito, e xa o dixen moitas veces doutro xeito, que mais unha vez nos estamos a equivocar cos tempos nas medidas contra a crise. Baixar quilos é bo para a saúde. O conflito aparece cando queremos facelo con dietas milagre, esas que prometen resultados espectaculares a curto prazo, pero nos desequilibran o organismo. O conflito aparece tamén (e de que maneira!) cando apertamos o cinto até caer na anorexia.

Eu, en realidade, quería falar doutras cousas; pero todo está relacionado, como dixo o indio Noah Sealth. Acaso referirme a un libro que retrata o momento actual coa mestría do seu autor, Mario Vargas Llosa. Titúlase ‘La civilización del espectáculo ’ e, por se temos dúbidas de por onde vai, declara o Nobel: «La frivolidad es tener una tabla de valores completamente confundida, es el sacrificio de la visión del largo plazo por el corto plazo, por lo inmediato. Justamente eso es el espectáculo».

Exemplos: Unha televisión que, no canto de formar espectadores para unha programación mellor, ofrece lixo para obter de inmediato unha boa cota de pantalla. O uso depredador da terra e os seus recursos, esquecendo os que veñen detrás. A banalización do amor e as súas expresións, converténdoo en obxecto de usar e desbotar. A confusión nas artes que apenas deixa distinguir a palla do trigo. A economía do xa, agora, á que me referín antes. O infantilismo que non tolera a mínima frustración porque non ve alén do propio nariz.

A simplificación da lingua, cada vez máis plana en aras tamén da inmediatez, fíxonos perder frases portadoras de sabias mensaxes. Que lles parece se hoxe pensamos naquela que recomenda dar tempo ao tempo?

Comentarios