Tirando do fío

O outro día, ocupámonos aquí de relixión, falanxe, papeis, libros, averno e diferenzas, se nos atemos ás ‘etiquetas’ da edición dixital deste xornal. Pero a maiores, recibimos algunha exhortación, se me disculpan o termo, dun leitor para que nos ocupáramos algo máis de Fermín Penzol e de aqueles anos, porque colleu como fío a cita da entrevista co bibliófilo á que aludiamos. Apresurémonos a indicar que foi realizada no ano 1975 na revista ou publicación comemoratriva da VI Feira do Libro Galego de Ribadeo celebrada no mes de setembro. Permítasenos engadir, aínda que ninguén nolo preguntou, que tamén entrevistamos a Carlos Casares no mesmo medio, e que a portada era de Luís Seoane.

Pero houbo tamén outro amable comunicante que se interesou polo xuramento de afliación á Falanxe, que nós recollimos parcialmente, a pesar do cal quedou realmente abraiado. O mesmo que nós, aínda que coa diferenza de que o noso particular amilagramento queda relativizado, porque nesta materia hai xa moitos anos que criamos o pasmo. Podemos entender, en función da historia, que noutros lugares e países ese feito ceremonial sexa realmente relevante, ás veces desgrazadamente como ocorreu coa adhesión dos militares alemanes a Hitler. Mais a afección hispánica ten o mesmo carácter aproximativo que a prática do catolicismo en Galiza. Non é de agora e, senón lembremos o ancestral de Santa Gadea; de Burgos claro, porque a nós a que nos queda máis próxima é a de Tapia de Casariego á beira da praia de Penarronda. E desde ceremoniais de ‘juras’, ás de toma de posesión como sucesor a titulo de rei da actual máxima maxistratura do Estado, durante a época ominosa. Creo que non é a primeira vez que aludiumos aquí á obra do sabio fillo do poeta Iglesia Alvariño, ou sexa Aquilino Iglesia Ferreirós, autor dun revelador libro: ‘Historia de la traición. La traición regia en León y Castilla’, iso sen reparar en materia de traidurías e dobreces, nas fazañas do sonado conde Fernán González, gloria de Castela, sobre o que ten escrito Eduardo Menéndez-Valdés, no seu interesante ensaio ‘Separatismo e unidade. Unha mitificación histórica’ editado por Galaxia xa en 1970.

O certo é que sempre nos sentimos conmovidos ao ver que desde posicións progresistas, se escandalizaran perante a fórmula de toma de posesión dos lehendakaris nacionalistas, mentras que ninguén se asombra de que os concelleiros se vexan impelidos a xurar ou prometer, pola súa conciencia e honra, nada menos que gardar e facer gardar a Constitución, feito perfectamente compatible co de ter as rúas e espazos públicos inzados con nomes de camisas vellas do partido único, e carcamales da máis variada pelaxe, desde literatos que nada escreberon, até gobernadores civís e xefes provinciais do Movemento. Unha curiosa maneira de facer compatible as solemnidades de rigor, coa impostura máis evidente. Marabillas da evolución… carpetovetónica.

Comentarios