miércoles. 27.10.2021 |
El tiempo
miércoles. 27.10.2021
El tiempo

''Tipos coma o de Lucía veñen catro''

«GALICIA ESTÁ EN MIN. Levo Galicia de pés a cabeza, na roupa e nos zapatos. E está Galicia na instrumentación e nos arranxos na canción». Lucía Pérez aproveita cada ocasión que ten para dicir que leva moda galega a Eurovisión. Nos vídeos de RTVE e da canle oficial Eurovision.tv. Na rolda de prensa ante os medios internacionais.

Que sae Lucía nun vídeo chegando ao Esprit Arena: alí enfoca a cámara unha caixa co logo de Sara Lage e Maru Calderón e anuncia a cantante luguesa: «Aquí vai o vestido!». Que a organización grava o 'backstage' antes do segundo ensaio; Lucía busca o plano dos zapatos deseñados por Pablo Castro, de Dick & Paul. Que na rolda de prensa lle preguntan por Galicia; a do Incio fala da moda e da creatividade galegas.

O domingo sóubose que o vestido que levará Lucía Pérez o sábado será curto —«isto xa estaba claro case desde o principio», chancea Sara Lage— en cor fucsia e con incrustacións de pedrería e cintas na saia, para darlle movemento.

Foron Sara Lage e Maru Calderón as que se ofreceron en canto lle escoitaron dicir a Lucía Pérez que ía tentar darlle un 'chance' á moda galega. «Nós enviámoslle unha proposta, ela falou cos de Televisión Española e déronnos o OK. Só temos palabras de gratitude; ela podía elixir a quen quixera. Non nos coñecía antes. Soábamoslle á súa nai e confiu en nós», explica Maru Calderón.

O proceso de elaboración do vestido levou moitas probas, achegas da cantante e da estilista de TVE, ata chegar ao modelo do 14 de maio.

«A verdade é que vestir unha rapaza como Lucía é moi agradecido: todo lle cae; ten unha figura estupenda, unhas pernas moi ben feitas, é guapa e moi nova», comenta Maru Calderón.

Aínda así, houbo que darlle «moitas voltas» a un modelo inicial que se puido ver na pasarela Lucus Moda. En fucsia, tamén, pero con corte imperio e un gran lazo frontal; dándolle máis presenza á saia con cintas e pedrería. Movéronlle o corte da cintura, probaron distintos escotes, mangas, tirantes, longos...

«Imaxina que é unha muller como a maioría; máis baixiña ou máis gordiña ca Lucía, ou con máis peito, á que lle hai que disimular cousas... Tipos como de o Lucía veñen catro! Quen máis, quen menos quere disimular algún defectiño», comenta Calderón.

Ata que deron co deseño en satén de seda na parte superior e de distintos tecidos na saia: sobre unha gasa translúcida con forro en cor pel coséronse a man cintas en fucsia, marróns e tella e incrustouse pedrería, tamén manualmente.

A coñexión con Dick & Paul xa existía con anterioridade: «Nós temos cousas súas na nosa tenda e eles teñen cousas nosas na súa. Xa diseñaramos os uniformes para as súas traballadoras...».

Lucía Pérez, nas súas viaxes entre Madrid e Galicia para preparar o festival, facía as probas na tenda de Lage e Calderón, na luguesa Praza de Armañá; ás veces, ás agochadas, porque Lugo é unha cidade pequena e a Lucía Pérez coñécea todo o mundo.

Aínda así, mantívose o segredo ata que a cantante o anunciou, xa coa maleta feita para ir a Düsseldorf. Sara Lage e Maru Calderó tiñan todo preparado para o gran momento. A web estaba actualizada ata os últimos movementos, o Facebook, ídem.

Xa o mesmo día percibiron o efecto Eurovisión no número de visitas e nas redes sociais desatouse «a loucura». «Houbo ata medios andaluces que se interesaron polo noso traballo!», conta Maru Calderón.

Ambas as deseñadoras están encantadas co resultado despois de verlle o traxe posto no primeiro ensaio de vestiario; co movemento e co efecto que fai no conxunto da coreografía e da escenografía.

Ademais de confeccionar o atuendo da gala do sábado, as luguesas asinan tamén algunhas das pezas que Lucía Pérez incluíu na súa equipaxe para o seu actual periplo alemán. Trátase, sobre todo, de roupa de festa e feita a medida, que a cantante irá lucindo a medida que risque na súa axenda a asistencia a festas e citas para promocionar a súa candidatura no festival europeo da canción.

«Un vestido de pedrería con escote pico, en moitas cores, con 'clutch' a xogo...», avanza Sara Lage, ao tempo que a súa socia engade que Lucía Pérez como modelo sérvelles para promocionar a súa idea de facer roupa a medida; para mulleres que queren «algo distinto sen deixar de ir elegantes».

Calderón apunta que teñen unha colección comercial e outra de festa; e que logo fan patróns personalizados en función da clientela, da ocasión e dos cartos que se queira gastar.

«E non é só para rapazas novas! Véñennos mulleres de todas as idades que non queren ir vestidas de señoronas», exemplifica.

Elas fan un labor de estilismo, de asesoramento e de personalización, pero atenden as características e gustos da persoa. «Nunca nos pasou que alguén nos dixese que o resultado non era para nada semellante á idea que tiñan».

E é caro todo isto? Pois depende de como se mire ou dos momentos elixidos para vestir os deseños. «Ao mellor eres de comprar roupa en franquicia pero é a voda do teu irmán ou vas de madriña e queres algo especial...», di Maru Calderón.

Elas teñen unha colección comercial con pezas desde os 125 euros. E pódense atopar modelos de festa «desde os trescentos e pico». Nos vestidos longos o prezo pode ir ata os 600 euros, porque levan máis tea e dan máis traballo, pero Maru Calderón e Sara Lage buscan xeitos de axustar os orzamentos: «Nos materiais, no longo...».

OS ZAPATOS
"Deseñamos sete pares"

MELISSA GÓMEZ. «Lucía está realmente comprometida con Galicia. É máis, é a embaixadora de Lugo». Pablo Castro, deseñador de Dick & Paul é consciente da repercusión que terá para a firma ferrolana que a cantante luza uns zapatos seus o sábado en Düsseldorf.

«Coincidín con ela nun avión cando ía á feria do calzado de Milán, e aí foi cando pensei que podería propoñer o calzado, mais non me parecía o momento nin o lugar adecuado para falar con ela», conta Pablo, que xa coñecía a Lucía con anterioridade porque «era cliente da tenda de Lugo». Por iso, púxose en contacto con Sara Lage e Maru Calderón, con quen xa tiña traballado, para propoñer o vestuario á cantante do Incio.

Pablo Castro sinala que deseñou sete pares de zapatos para Lucía, «catro a proposta miña e tres a proposta do estilista de TVE», para finalmente decantarse por un calzado alto de cor fucsia, totalmente acorde co vestido que lucirá na gala. «Para os deseños, tiven como referencia o previo ao vestido», comenta.

«É un zapato feito só para Lucía», di Pablo, que adianta que farán unha réplica para exhibir, pero que non se porá á venda.

''Tipos coma o de Lucía veñen catro''
Comentarios