Textos para compartir


Cinco alumnas do Ceip Lagostelle de Guitiriz e tres do IES Pedregal de Irimia de Meira constataron a súa capacidade para ler en voz alta ó clasificáranse para a fase final do certame Ler e Escoitar da Consellería de Educación. A recompensa: un primeiro e un segundo premio, libros para seguir practicando e cartos para o centro 


a lectura adoita ser un proceso privado, individual e silencioso que, en xeral, require soidade e tranquilidade. O contrario de todo isto foi o punto de partida do primeiro concurso de lectura en voz alta convocado pola Consellería de Educación baixo o lema Ler e Escoitar, co gallo da celebración do Ano do Libro e da Lectura en Galicia no pasado 2010.

O obxectivo deste concurso era fomentar a práctica da lectura expresiva e a recompensa á calidade na execución chegaría en forma de lote de libros para os alumnos e de cheque económico para o centro de procedencia. Nese contexto, as rapazas do Ceip Lagostelle de Guitiriz e do IES Pedregal de Irimia de Meira amosaron desenvolverse coma ninguén, colleitando un primeiro e un segundo premio, ademais doutra meritoria clasificación para a fase final.

O primeiro premio na categoría individual de secundaria recaeu en Jannette Freire, estudante de primeiro, quen sorprendeu ó xurado e a todos os presentes pola súa gran fluidez lendo, en braille, un poema do libro ‘Amar e outros verbos’, de Ana María Fernández, logo de chegar a final a través dunha gravación remitida dende o centro na que lía ‘Historias e algún percance’ de Antón Cortizas.

Jannette non tivo que pasar soa pola experiencia de ler en público, xa que no conservatorio de música de Santiago, onde se celebrou a fase final do certame, tamén fixeron acto de presenza as súas compañeiras de instituto Marta Alvite e Lorena Fernández, alumnas de segundo clasificadas grazas a súa habilidade co ‘Así foi, doutor’ de Suso de Toro e que para a final se decantaron por ‘Un polbo xigante’ de Carlos Casares.

A orientadora do Pedregal de Irimia, Isabel Sal, sinala que dende o centro fomentaron a participación do alumnado nun certame que lles pareceu «moi interesante» e que lles deparou unha «grata sorpresa». «Para elas foi toda unha experiencia», engade esta profesora, que destaca o traballo realizado dende a biblioteca do centro, coordinada por Mari Luz García, así coma na clase de Lingua Galega que imparte Pilar López.

Grupo

Feminina foi tamén a representación do Ceip Lagostelle de Guitiriz: Tania Campello, Eva Fernández, Marta Rocha, Sabela Salgueiro e Margarita Vidal, alumnas de sexto, conquistaron ó xurado lendo ‘O penedo das doncelas’ de Carlos G. Reigosa. O segredo do éxito: «Practicar todos os días», como elas mesmas recoñecen.

A directora do centro e titora de sexto, María Josefa Novo, explica que os 19 alumnos da súa titoría prepararon, en grupo, unha lectura de Cunqueiro, ‘O Gatipedro’. Logo de ver como se desenvolvían todos, Sabela, Marta, Margarita, Tania e Eva foron as seleccionadas para gravar o video.

Paralamente ó certame, no colexio tamén se aproveitou este concurso para desenvolver, dende a biblioteca, outras actividades co Gatipedro, como deseñar unha mascota, investigar sobre este personaxe ou realizar diversos traballos sobre el e o seu creador.

O Certame

Neste primeiro concurso de lectura en voz alta podía participar o alumnado do terceiro ciclo de primaria e dos dous primeiros cursos de secundaria, competindo en dúas categorías sepradas e en dúas modalidades: individual ou en grupo.

Á fase final do certame, na que se concederon oito premios, chegaron 49 escolares de 17 centros de ensino -seis da Coruña, cinco de Pontevedra e de Lugo e un de Ourense-, logro dun proceso de selección ó que concurriron coas súas gravacións un total de 123 escolas e institutos, a meirande parte deles nas dúas modalidades propostas.

Comentarios