lunes. 18.01.2021 |
El tiempo
lunes. 18.01.2021
El tiempo

Testemuñas taquigráficas

A PROFESIÓN de taquígrafo é unha entre outras moitas arrombadas pola modernidade e as novas tecnoloxías na materia. Realmente xa non se ditan cartas para ser recollidas por ese sistema, a arte de escreber tan á présa como se fala, que di a Academia no seu dicionario. Mesmo no propio Parlamento de Galicia a gravación das sesións plenarias fixo desaparecer a figura dos taquígrafos, que ainda perviven no do Estado. E xa hai tempo que non se ven os anuncios de clases de taquimecanografía, antes tan abondosos. Pero estes días, esta vella técnica saltou á actualidade no medio dun asunto polémico. Para defenderse do efecto ‘boomerang’, subscitado por unhas declaracións suas un tanto precipitadas, o señor Presidente da Xunta asegurou que, efectivamente, recibira a un imputado por corrupción no seu despacho, pero «con luz e taquígrafos», unha frase feita que é de aplicación no ámbito parlamentario. Pase o da luz, para non andar ás apalpadelas, pero ninguén recibe a unha persoa no seu gabinete cun taquígrafo. Sería absolutamente impropio e inaxeitado. O feito de que un cargo público fale con calquera administrado en pleno exercicio dos seus dereitos, entra xa non só no ámbito da normalidade, senón mais ben no das obrigas inherentes ao posto. E, por outra banda, o despacho, con mesa, tresillo e os demais aditamentos propios, pode ser o máis cómodo ou o usual, pero no que fai á pertinencia, tanto unha área de servizo, como un parque, unha corredoira, unha cafetaría, o adarve da muralla de Lugo, a praza de Mazarelos de Santiago, as abas da Ribeira Sacra ou o faro da Torre de Hércules da Coruña, son lugares perfectamente válidos e axeitados. Quizais non tanto para o cargo público que para o cidadán, xa que este aforra os trámites de petición e desprazamento. Coñezo a un alcalde que tivo que atender unha petición un martes de Antroido, cando xa estaba disfrazado, e a outro que atendeu unha chamada na capital británica porque había unha avaria de auga. Creo que a resposta presidencial foi un descoido: chegaba con decir que a persoa en cuestión foi recibida no despacho oficial, porque ao engadido pódeselle aplicar o de ‘excusatio non petita, acusatio manifesta’.

En tempos pasados, quen isto asina ocupando unha responsabilidade local, recibiu no seu despacho a unha destacada e coñecidísima figura da xudicatura que no momento actual está incursa nun procedimento xudicial. E non por iso é preciso facer valoracións de nengún tipo, mesmo no caso de que, no canto dun despacho protocolario, se tratase das disposicións do plan xeral de ordenación en determinados ámbitos do territorio municipal O único que compre, a posteriori, é desexarlle sorte no tal proceso. E, de resto, habería que dispor da habilidade dun adiviño ou dunha meiga para saber as intencións e a catadura moral da persoa a quen se recibe. Iso sen entrar a debullar na casuística dos encontros fortuitos. Todo un mundo.

Testemuñas taquigráficas
Comentarios