Tes que calar coma se foses de fieldesparto!

Os Pelúdez fan a cata no Mercado e celebran o setenta aniversario no concerto dos MITIC

NADA MÁIS dar con eles na praza do Campo, o home cólleme do brazo e tira de min cara á Rúanova.

-Tes que calar coma se foses de fieldesparto, pero hoxe vai ser o día D.

-O día D de que?

-O día Das Vodas de Titanio. Vou aproveitar que veñen os irmáns da gaita, Álvaro e Suso Costas, pra darlle o anel de aniversario a Filomena nunha confusión musical dos nosos tempos de noivado e dos actuais.

-Será unha fusión.

-Será coma ti dis, pero eu ás veces os confundo.

-Vale, Pelúdez. Conta comigo. Serei unha tumba.

-Tampouco te pases. Non é imprescindíbel que morras. Abonda con que peches a boca.

-Pois iso.

A muller ataca polo lombo xusto no intre de rematar.

-Xa lle expricou o Peludo que imos á Praza de Abastos prá chuchar o santo?

-Non! Non me dixo tal cousa!

-A miña sogra quere dicir que imos Saborear o San Froilán, que é catar tapas- aclara a Vanesa.

-Uff! Pois menos mal!

Proban o que lles ofrecen os organizadores e Pelúdez, logo de devorar un bocado de pescada, queda mirando ao teito e facendo que remoe os dentes:

-Penetra ben na boca e destaca polos seus taninos, sen esquecer un retrogusto a can de palleiro que se fai presente no padal, o cal quere dicir que estivo no bocoi máis do que lle prestaba.

-Pero se é un peixe! -corríxelle o Peludeciño.

-Xa dicía eu que tiña un non sei que a mar que arrebolaba de lombo, enxugaba o aparello e ía estreito de varenga.

-Ti si que estás feito un cáncamo! -di a muller ollando prá min-. O tipo quere entender de todo e a súa sabedoría ten máis lagoas que as de Cospeito xuntas.

-Eu pertenzo á xeneración mellor preparada da historia. De feito cando nascín nin sequera había historia e tivémola que facer entre todos.

-Non cho creo.

-Voucho ter que Jurásico polo máis sagrado?

-Deixao así, que ti prá caer na herexía non precisas barranco.

Saíndo do Mercado atopamos ao vicario xeral, Mario Vázquez, que cruzaba a Soidade ás pré- sas.

-Onde vai, don Mario? -páralle a Filomena- Non me diga que ten unha urxencia na catedral?

-Pois case que si. Quedei cun arquitecto prá que vexa se hai consecuencias no edificio, porque nalgúns dos concertos que poñen en Santa María, dos decibelios que lles meten, chegan a soar as campás!

-Carafio! -di Pelúdez-. Ao revés de que cando veu o pai Feijoo a investigar por que se movía o crucifixo cando tocaban a campá.

-Polo visto temos unha catedral moi reverberada- conclúe don Mario.

-Ou unhas festas moi soadas -engade Pelúdez-. Pois vaia, vaia axiña, que esta noite hai concerto dos MITIC e xa sabe que tocan rock coa gaita nunha confusión de estilos e pode ser que lle tiren co crismón ou falcatruada semellante.

O home segue o seu camiño e cando xa non o pode escoitar, o Pelúdez comenta.

-Pois aínda non hai moita queixa, porque se a Virxe, en troques de ter os ollos grandes, chega a ter as orellas...

-Para coa cabeza! -ordénalle a muller -Mira no se foi a fixar o condanícaro! Non, se ti prá entrar no ceo vas ter buscar recomendación e levar dous xamóns.

-Non hai problema. Falo co Núñez de Torre e que reserve un par deles dos milleiros que ten pra sobornar a San Pedro. Iso si, sen présa ningunha.

O día pasa sen máis incidencias ata que chega a hora do concerto.

Os irmáns Costas puñan en gaita todo o hit parade dos últimos anos, e cando atacan o tema de Rocky, ese que é tan anunciativo, Pelúdez sobe ao escenario, colle un dos micros e di:

-Requírese a presenza neste espazo de quen hai setenta anos deu un pequeno paso pra unha muller, pero un gran chimpo pra humanidade...

-E quen será esa? -pregunta a Filomena.

-Es ti, mamaíña! -bérrale o Peludeciño. Son as vosas Vodas de Titanio!!!

-Ai, cajo no demo! Que sospresa non levei!

E aló que vai ela, mentres o seu home prepara o anel. Cóllelle o dedo, méteo e di:

-Filo, a vida escomenza aos cento trinta!

Comentarios