Terroristas e leite materno

Seica a miña bisavoa Jacoba Cadórniga non aleitou a ningún dos seus dezaoito fillos, non era terrorista. Non o era por iso, por confiar tan maternal labor a amas de cría. Elas si, poderían ser sospeitosas se fixesen o seu traballo na Nova York de hoxe. A miña nai correría alí perigo porque deunos o seu leite aos oito que trouxo ao mundo.

Créanme, non se trata dunha brincadeira. Roseline Remans, belga de 34 anos, e mais o seu home, Tom Neijens, secretario primeiro da delegación do seu país nas Nacións Unidas, foron tomados por terroristas ao lle dar ela o peito ao seu bebé, Luka, no comedor dun club moi exclusivo. Seica lles permitirían rematar o xantar se ela se resignase a utilizar o baño para acalmar a fame da criatura. Esta solución tráeme á memoria aquela película de Buñuel, xoia do surrealismo, titulada ‘El discreto encanto de la burguesía’. Nela, como recordarán, o acto de ir ao servizo era social e, pola contra, comíase en privado, nun habitáculo pequeno que se cerraba por dentro como os retretes.

No tamén surrealista episodio de Nova York interveu a policía local, pistola e ‘taser’ en man, que xustificou a alarma dos xerentes do local polo feito de portaren os belgas unha mochila (suponse que coas cousas do neno) e porque, segundo eles, os terroristas de Sri Lanka servíanse de neniños.

Quéixase a fundación ‘Best for Babes’ (‘Mellor para os bebés’) de que, en realidade, o que está detrás desta anécdota é o acoso e discriminación das nais que dan o peito en público.

Despois de expresar o meu máis absoluto rexeitamento a todo acto terrorista (non é a primeira vez que o fago neste mesmo lugar), teño que dicir que acontece algo semellante cos independentistas, convertidos en sospeitosos polo simple feito de séreno. Un recipiente cuns litros de gasolina no garaxe ou un escudo deseñado por Castelao considéranse probas de cargo cando o que se condena de antemán son as ideas.

Non se poden negar sabotaxes a torres eléctricas, sedes de partidos ou domicilios de certos persoeiros, feitos sempre reprobábeis; mais atribuírllelos sen indicios sólidos a uns rapaces e rapazas que talvez son incapaces de matar unha mosca, é propio de épocas en que a simple xenreira dun veciño abondaba para rematar cunha vida. En todo caso, hai xuízos que serán xustos, mais polas formas non o parecen.

Oxalá non me equivoque, porque eu teño a certeza de que en Galiza non hai ningunha organización terrorista, senón actos illados dalgúns ilusos. Ilusos por pensaren que poden atallar os males do noso país con violencia. É con coidados, con amor, como medra a criatura. Que llo pregunten, se non, a Rosaline Remans, a terrorista do leite materno.

Comentarios