Terras do Miño centra un concurso de fotografía

Auga da presa do Muíño da Ruxida. C. PÉREZ
photo_camera Auga da presa do Muíño da Ruxida. C. PÉREZ

A Deputación Provincial de Lugo vén de convocar a primeira edición do Concurso de Fotografía sobre a Reserva da Biosfera Terras do Miño, unha nova iniciativa dentro do amplo programa de actos conmemorativos do décimo aniversario desta reserva, a primeira recoñecida en Galicia.

O certame está aberto á participación de calquera persoa interesada, que deberá remitir as súas imaxes antes do día 27 deste mes ó Rexistro Xeral da Deputación, no Pazo San Marcos. As bases poden consultarse na páxina web da Deputación.

Cada autor ou autora poderá presentar un máximo de cinco fotografías inéditas, tanto en branco e negro coma en cor, que deberán estar recollidas nun CD e tamén presentarse impresas en papel fotográfico, nun sobre pechado que leve os datos persoais do autor, a data de nacemento, a dirección, o teléfono, o correo electrónico, o título da obra e o lugar onde se tomou a instantánea.

A temática é libre, se ben as fotos terán que estar feitas nalgún dos 26 concellos que conforman Terras do Miño, entre os que se inclúen os nove chairegos e tamén Meira e Pol. A auga terá que ser o fío condutor, pero poderán orientarse cara a natureza, o patrimonio cultural e etnográfico, as tradicións propias da zona, a gastronomía ou os oficios e a artesanía. Este certame fotográfico, cuxos gañadores se farán públicos o día 30 deste mes, repartirá 1.400 euros en tres premios: 800 para a fotografía gañadora, 400 euros para a segunda clasificada e 200 para o terceiro premio.

A deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, explicou que con esta convocatoria o Goberno provincial pretende difundir a riqueza deste importante espazo natural, ademais de dar a coñecer as oportunidades de desenvolvemento socioeconómico que leva consigo. Tamén se pretende dinamizar o sector turístico atraendo visitantes á provincia luguesa.

De xeito parello a esta iniciativa e tamén dentro dos actos conmemorativos do décimo aniversario da reserva da biosfera Terras do Miño, a Deputación puxo en marcha tres exposicións fotográficas baixo o título ‘Paisaxes da Auga’, con imaxes de Manuel Valcárcel sobre as paisaxes, os estados e a cultura da auga.

Comentarios