As terras agrarias e a inmobilidade do PP

O MINIFUNDIO na nosa agricultura tradicional era unha consecuencia lóxica do elevado número das explotacións existentes. Pola contra xa non é lóxico que siga persistindo como un problema básico da nosa agricultura despois de ter desaparecido máis da metade das explotacións nas últimas tres décadas.

Nos países do centro e do norte de Europa emprendéronse unhas políticas específicas para fomentar e facilitar a transferencia de terras entre as explotacións que abandonaban e as que permanecían en activo, que deste xeito aumentaron o seu tamaño e a capacidade de mellorar as súas rendas. E na maior parte dos casos a transferencia destas terras foi por medio do arrendamento, que permitiu unha solución máis rápida e menos onerosa. Dous exemplos claros desta situación son Dinamarca, que impulsou unha lei e medidas específicas de apoio ao arrendamento hai máis dun século, ou Francia, que comezou esta política despois do final da Segunda Guerra Mundial. En ambos casos foron políticas consideradas básicas que se mantiveron con gobernos de distinta ideoloxía. Deste xeito en Francia unha explotación
agraria ten só un terzo das súas terras en propiedade, estando o resto arrendada a familiares ou antigos veciños que deixaron de dedicarse á agricultura.

Pola contra en Galicia esta transferencia de terras foi moi escasa e unha gran parte das explotacións teñen unha superficie reducida, que limitou as súas posibilidades de desenvolvemento e dificulta a súa viabilidade futura.

O lóxico sería que este problema básico da nosa agricultura se tivera ido resolvendo ao longo das case tres décadas que levamos con Goberno e Parlamento propios. Desgraciadamente non foi así. Nestes anos tan só houbo dúas leis que trataron de enfrontarse a esta situación. A primeira foi en 1989 coa de montes de veciños, que posibilitaba a cesión temporal de parte das terras para a ampliación das explotacións. A segunda en 2007, cun banco de terras para promover a súa transferencia mediante o arrendamento. Nos dous casos poden correr a mesma sorte de ser na práctica ignoradas polos gobernos do Partido Popular que lles seguiron. No primeiro por non aplicala e no segundo pola inactividade progresiva e o desmantelamento, polo menos parcial, do banco de terras que inclúe a lei de orzamentos que se está tramitando no Parlamento.

Non é fácil de entender a cerrazón da nosa dereita nun problema básico para a nosa agricultura como é o necesario apoio á transferencia das terras das explotacións que cesaron na súa actividade, e que na maior parte dos casos están abandonadas ou infrautilizadas, para as que permanecen en activo. Unha transferencia que non resolve por si só o libre xogo do mercado, sobre todo si hai ademais unha falta de ordenación do solo efectiva, que deixa aberta a posibilidade de que se poidan converter en ‘solares’. Non estamos tratando sobre un problema de propiedade, senón de utilización das terras. A dereita gobernante ou que ten gobernado noutros países como en Francia, en Alemaña, en Dinamarca, en Holanda teno ben claro e impulsou estas políticas. ¿Por que aquí non?

Comentarios