Terra Chá mantiene en su territorio el 20% de las explotaciones de vacuno ecológico de Galicia

Un estudo sobre a cadea de valor da carne de vacún ecolóxico elaborado polos técnicos do Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (Cetal) defende a viabilidade socieconómica das explotacións agrogandeiras orientadas cara a produción e posterior comercialización de carne de vacún criado de acordo cos parámetros estipulados ao efecto polos órganos reguladores e controladores da produción ecolóxica.

As boas espectativas esbozadas polo Cetal levan aos responsables desta entidade a elevar a produción deste tipo de carne de xeito significativo nos vindeiros anos. Daquela, o Cetal propón alcanzar no horizonte de 2025-2030 arredor de 5.000 toneladas de carne de vacún ecolóxico, unhas estatísticas de produción que farían posible acadar unha facturación anual de preto de 53 millóns de euros.

De cumprirense estas espectativas, os produtores da comarca chairega poderían chegar a ingresar nestas datas máis de 10,5 millóns de euros pola comercialización da carne de tenreira ecolóxica, unha elevada contía de ingresos económicos que vén a refrendar o peso que ten este sector na Terra Chá, xa que esta comarca do interior da provincia de Lugo concentra no seu territorio o 20% das explotacións de carne de vacún ecolóxico que hai censadas en Galicia e que se atopan emprazadas nos concellos de Abadín, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Guitiriz, Xermade, Rábade e, sobre todo, en Vilalba, onde actualmente se contabilizan once granxas de vacún catalogadas como ecolóxicas.

Ratios de Produción

A produción de carne de vacún ecolóxica en España está por agora moi pouco desenvolvida (só representa o 3,6 % de toda a carne de vacún producida), mentres que en Galicia esta porcentaxe é aínda menor, pois apenas representa un 0,73%, aínda que soamente se estaría a comercializar como carne ecolóxica menos de 200 toneladas ao ano; é dicir, un 0,22% de toda a carne de vacún producida en Galicia, que se sitúa ó redor das 90.000 toneladas por ano.

Este irrelevante grao de desenvolvemento contradise co elevado potencial de produción con que conta Galicia polos seus prados, clima, cultivos forraxeiros e orientación produtiva gandeira. Na teoría non deberían existir demasiadas barreiras técnicas ou xeoclimáticas para promover importantes proxectos especificamente orientados á expansión e a rendibilización da produción integral de vacún de carne ecolóxica en Galicia e a súa área de influencia. No caso da Terra Chá está a proba, xa que concentra o 20% das explotacións de carne de vacún ecolóxico de toda Galicia (20 dun total de 101).

O minimismo estrutural e produtivo do sector de vacún de carne ecolóxica de Galicia representa o principal obstáculo para o desenvolvemento do propio sector. Cabe sinalar neste senso que Galicia dispón nestes momentos dunha mínima estrutura produtiva primaria constituída por unhas 100 explotacións de vacún de carne ecolóxica, que acubillan unhas 4.000 cabezas (vacas reprodutoras) aproximadamente, das que unhas 800 se atopan na Chaira.

Os responsables do Cetal explican que na maioría dos casos, a conversión a ecolóxica veu en parte motivada pola existencia de subvencións públicas, de forma que despois diso non sempre os tenreiros producidos na explotación se comercializan como ecolóxicos, nin as canles obtidas se comercializan ou se valoran como tales. O director do Cetal, Eduardo Vidal, destaca neste caso a necesidade de que «toda a produción ecolóxica se industrialice e comercialice como ecolóxica. Isto probablemente levará a reconsiderar o sistema de subvencións á produción de vacún de carne ecolóxica, alcanzando a todas as fases da cadea de valor do produto e non limitándoo á fase primeira de produción na granxa», suliña.

Por outra banda, con respecto á análise de custos e prezos, os estudos da Fundación, segundo o seu director xeral, demostran que «hai unha maior dispersión de prezos na liña ecolóxica que na convencional (aínda que nas dúas destaca a gran amplitude das pinzas de prezos identificadas, consecuencia tal vez da complexa configuración do prezo medio dun quilogramo de carne de vacún vendido por un carniceiro a un consumidor).

A diferenza de custos e prezos entre produción ecolóxica e convencional, no vacún de carne, xérase nas fases de produción e distribución en destino, mentres que na fase de produción en granxa e de transformación industrial».

Os estudos levados a cabo polo Cetal neste senso aventuran que as explotacións de vacún ecolóxico chairegas poderían producir no ano 2030 preto de 1.000 toneladas de carne de vacún ecolóxico.

Vilalba ten no seu territorio 11 granxas

A produción de carne de vacún ecolóxico antóllase coma un novo nicho de negocio especialmente na capital chairega, dado que o concello de Vilalba acubilla no seu territorio ata once explotacións de gando vacún ecolóxico, o que representa o 10% das explotacións ecolóxicas rexistradas en Galicia. AEP

Consumo: O 20% da carne de vacún será ecolóxica en 2030

Os estudos do Cetal sobre a cadea de valor da carne de vacún ecolóxica estiman un consumo per cápita anual apxoimado de dous quilogramos por habitante eano (un 20 % do consumo per cápita de vacún de carne en España). De acordo con estas previsións do Cetal, teríase que captar a 1,5 millóns de consumidores dispostos a consumir ao ano cada un dos dous quilos de vacún de carne ecolóxica procedente de Galicia e gastar ao ano cada un 30 euros por habitante e ano, o cal indicaría un nivel de facturación duns 45 millóns de euros, máis outros sete ou oito millóns en exportacións, chegándose a uns 53 millóns de euros ao ano. Na Terra Chá serían uns 10,6 millóns de euros, tendo en conta que o 20% das explotacións deste tipo están concentradas nos concellos chairegos.

Tendencia

As estimacións dos responsables técnicos do Cetal apoianse na tendencia do consumidor aprezada nos últimos anos, periodo no que se observa unha maior predisposición da poboación cara aqueles produtos que, a priori, se antollan máis saudables.

Comentarios