viernes. 05.06.2020 |
El tiempo
viernes. 05.06.2020
El tiempo

A Terra Brava, patria de amantes da música

Unha placa instalada no Incio honra a tradición musical da zona ► A Feira de Artesanía e Etnografía homenaxeou os artistas locais ► Lucía Pérez interpretou a canción dedicada ao seu concello natal e varias veciñas bailaron 'A Carballesa'

Orquestra Imperial, banda de música do Incio, banda de Noceda, Ritmos Nuevos, Os Agarimos, Los Tunos, Coral de Ouriceira, Paco da Ferrería, Os Fanagueiros, Xarín, Airiños da Antigua, Quempallou, Arandela, Rubén González, Carme López, Lucía Pérez, Xabier Vizcaíno... Son algúns dos nomes que forxaron a historia musical da Terra Brava do Incio, á que se lle rende homenaxe cunha placa descuberta onte na praza da casa do concello.

"As xentes do Incio, na honra dos seus músicos, bailadores e artesáns dos instrumentos da ledicia, por encher as nosas vidas coa alegría da música e do baile", recolle a inscrición, realizada con motivo da novena Feira de Artesanía e Etnografía do municipio.

De destapar esta placa encargáronse catro músicos que representan varias xeracións: o histórico gaiteiro e fabricante de palletas Rubén González –Fillo Adoptivo deste concello–, o integrante de Xarín Cosme Eladio Pombo, o membro da banda de música Joaquín Piñeira e a cantante e Filla Predilecta, Lucía Pérez, quen interpretou a capela o seu tema dedicado ao Incio e recibido con fortes aplausos polo público.

O grupo Xarín e a gaiteira e cantareira Carme López tamén actuaron no acto, ao que non faltou o fabricante de palletas Rubén González

O descubrimento da placa foi o momento central dunha feira que abriu o grupo Xarín, a cuxo ritmo varias veciñas bailaron A Carballesa, típica danza destas terras, e todos os asistentes entoaron o Himno Galego. Actuou tamén a gaiteira e cantareira Carme López –unha das primeiras mozas da provincia en obter a titulación superior neste instrumento–, quen reivindicou o papel das mulleres na música e incidiu no "carácter" que imprime pertencer á Terra Brava do Incio, tal e como a bautizou o escritor Ánxel Fole.

A veciña María de Outeiro cantou un tema tradicional do Campo da Cárcere e o músico Xabier Vizcaíno repasou os nomes de todos e cada un de cantos se dedicaron dende os anos 40 do pasado século a encher de música e danza as terras deste concello.

MENCIÑA. Emotivo foi tamén o discurso dunha veciña, Maruja Gallego, que recordou a persoas coma "Consuelo e Jaime, que sempre atopaban un anaco para ensinarnos a bailar ás nenas". "A música é a mellor menciña para as nosas almas e oxalá a gaita non deixe nunca de soar", sinalou.

A alcaldesa do Incio, Laura Celeiro, exerceu como condutora do acto, durante o cal trasladou o "compromiso" do Concello de "salvagardar e manter vivas as tradicións deste pobo". Nesta liña de recuperación e posta en valor da historia local, inaugurouse no multiusos unha exposición de fotos das distintas agrupacións e solistas, acompañada de instrumentos orixinais facilitados polos propios veciños.

A Feira de Artesanía e Etnografía contou, entre outros, co deputado Pablo Rivera, en representación do organismo provincial, que colabora con este evento cunha achega de 4.000 euros.

Ducias de postos ofreceron durante todo o día produtos de artesanía e alimentación no centro da Cruz do Incio, onde tamén houbo degustación de melindres, caramelos e gasosas, obradoiros tradicionais, proxeccións de vídeos e unha festa ambientada nos anos 50 co grupo Fiadeiro de Vigo. E, como non podía ser doutro xeito, música e baile a esgalla.

A Terra Brava, patria de amantes da música
Comentarios