viernes. 14.08.2020 |
El tiempo
viernes. 14.08.2020
El tiempo

A Terra Brava agarda con misterio e hospitalidade

A Terra Brava do Incio que nos seus relatos ao carón da lareira narrou con mestría Ánxel Fole en 1955 garda intactos moitos dos seus misterios, inaccesibles algúns entre a natural paisaxe.

Lois Pereiro, «unha húmida mensaxe de vida e de furia necesaria», reza o seu epitafio -o cuspe antóllase simbólico- xace no cemiterio de Santa Cristina do Viso, con «evidentes pegadas expresionistas, referencias á literatura xermánica e certos rasgos de contracultura [...] unha imaxe e unha estética que fixeron del un autor de culto», segundo apreciou hai pouco menos dun ano a Real Academia Galega ao adicarlle o Día das Letras deste vindeiro martes. Monfortino de nacemento adoitaba pasear polas Reádigas antes de que Lucía Pérez, hoxe Filla Predilecta do Incio, contase 11 anos, cando a pícara aínda non medrara ata converterse na primeira galega que representará a España en Eurovisión.

Daquela a rapariga comezaba a cantar as fins de semana e festas de gardar nas igrexas de Goó, a súa casa, e na do Val do Mao, un templo ubicado no coñecido como «apéndice do Camiño Francés» e con advocación a San Eufrasio, -cuxa festividade celébrase este domingo, unha semana antes da feira do gando-, un dos sete varóns apostólicos que acompañou a Santiago na súa travesía a Compostela.

As letras precisan música e diso sabe un vello ferreiro, zoqueiro, traballador en Magnesitas durante 24 anos e mesmo enterrador, o fillo adoptivo do Incio Rubén González (San Xoán de Randín, 1925), quen se trasladou con 19 ao lugar de donde era a súa nai.

Este gaiteiro baseou o seu labor a prol dunha permanente defensa da cultura galega no mantemento dunha arte herdada do seu avó, un dos membros da banda de Noceda, quen tivo moito que ver na súa temperá iniciación musical. De Entrimo (Ourense) e Noceda co grupo ‘Os Agarimos’ pasou a tocar por festas da provincia, antes de desenvolver a súa innata xenialidade para fabricar palletas, profesión que herdou seu fillo.

A súa música amenizou anos a romaría que os ‘danzaínes’ celebran na Cervela no mes de agosto en honor a Santa Lucía. A tradición remóntase como mínimo a mediados do século XVI e, mentres agarda que se declare festa de interese turístico nacional, hai quen entronca a súa orixe cun baixorrelevo en Santa Eulalia de Bóveda.

Xunto aos da Cervela, Goó ou Mao, entre outros, o monumento histórico artístico por excelencia do Incio é o de San Pedro Fiz ou do Hospital. Erguérono os cabaleiros da orde de San Xoán de Xerusalén ou de Malta para amparar aos peregrinos que ían camiño de Compostela. Ao lado da igrexa edificada no século XII co mármore azul das canteiras da zona -é a única románica feita con este material en España- está o panteón dos Quiroga. Que ninguén ouse abrir o sartego de frai Álvaro de Quiroga, pois derrubaríase o edificio, di unha lenda.

A presenza da necrópolis de Santa Mariña, entre os municipios do Incio, Samos e Sarria xunto á de numerosos castros espallados pola zona e outro dos rasgos da paisaxe. Trátase dun importante xacemento da cultura megalítica formado por máis de 30 dólmenes e mámoas que datan do neolítico final.

A paisanaxe do Incio caracterizase pola súa hospitalidade e polo vencellamento ás tradicións. A bo seguro que nestes días algunha meiga conxurará nas antigas carballeiras para que Lucía gañe en Alemaña, e que teña éxito.

A Ruta do Ferro evoca os vestixios industriais

  • O percorrido da Ruta do Ferro, un dos innumerables roteiros que percorre o concello iníciase no núcleo da Ferrería, a uns oito kilómetros da capitalidade municipal. Enfrente, ao carón do río Antigua, estaba a antiga ferrería que da nome ao lugar, da que xa non quedan restos. Preto de alí está o balneario e a súa dereita unha pista de terra donde se inicia o paseo hacia as minas.

Minas

  • A primeira é a de Bouzallo de San Miguel no kilómetro cinco do percorrido, unha excavación duns 40 metros emplazada no mirador de Pena Escrita, donde pode observarse e fotografiar a paisaxe da zona. A uns 300 metros está a segunda mina, cun acceso por un estreito sendeiro que ascende polo monte. Pouco antes de chegar ao lugar, un camiño baixa hacia a área recreativa de San Miguel e a fonte do Couso, de augas ferruxinosas e, próximo a esta zona, monte arriba, está o Foxo dos Lobos.

Fonte Barrosa

  • A seguinte mina é a de Fonte Barrosa, a última en ser explotada da zona. É a máis longa, con 600 metros repartidos en oito galerías. Máis aló está a mina da Tinta, e no kilómetro 6,7 do roteiro a mina de Avión. No kilómetro 7,2 está o mirador natural de Pena do Chao, no monte de Santa Bárbara, donde se divisa todo o Val do Incio. Na rocha donde está o mirador hai varios petroglifos e a pista finaliza na estrada que vai de Saa de Incio para Monteagudo, cun desvío á dereita que permite visitar a Cova das Cholas, a última destas explotacións mineiras.

A Festa do Porco Bravo celébrase mañá

A Festa do Porco Bravo celébrase mañá, coincidindo co Festival de Eurovisión. A asociación Ouriceira e a sociedade de cazadores do Incio queren amosar así o seu apoio á representante de España no festival. A festa desenvolverase nunhas carpas no centro urbán da capitalidade municipal, A Cruz do Incio. Comezará ás 14.00 horas cunha comida a base de pinchos de empanada, xabarín con patacas, postres e bebidas. A partires das catro e ata as oito haberá animación musical e xogos para os máis cativos.

Como chegar?

O acceso a O Incio desde Lugo pode facerse desde Rubián (Bóveda), Oural (Sarria) e Castroncán (Samos), se ben tamén existen estradas que comunican directamente co municipio desde o O Courel, Paradela e A Pobra do Brollón. O máis habitual para chegar a capitalidade municipal en coche é circular pola LU-546 ata chegar á altura de Rubián e tomar un desvío -a dereita desde Lugo e a esquerda desde Monforte- hacia Laxosa, continuando despois ata A Cruz do Incio.

Encoro de Vilasouto

Quen non leve présa non debe deixar pasar a ocasión de visitar o encoro de Vilasouto, construido hai algo máis de tres décadas para abastecer de auga ao regadío do Val de Lemos. Sitúase entre o Monteagudo e Pena Furada e garante a calidade das explotacións agrogandeiras.

Os amantes do sendeirismo poden pasear pola súa beira, con diversidade de atractivos paisaxísticos, botánicos, etnográficos e monumentais.

Sendeirismo

Outra das rutas parte dende Vilarreguengo e chega a Eirexalba, con 11,7 kilómetros, mentras que a de Trascastro, chega á Pena de San Mamede. Son só algunhas das moitas que existen, perfectamente acondicionadas.

A Terra Brava agarda con misterio e hospitalidade
Comentarios