Viernes. 14.12.2018 |
El tiempo
Viernes. 14.12.2018
El tiempo

A teoría dos ilímites

Tal vez non sexa elegante escribir sobre aqueles libros para os que unha tivo a honra de facer un limiar. Haberá quen poida interpretar tal atrevemento como unha exhibición gratuíta ou mesmo como un acto de propaganda. Nada máis lonxe da miña intención, nin tampouco do que eu entendo que debe ser un prólogo: un texto que acompañe o libro na súa viaxe desde o momento inicial e embarque con el na nave disposta para a aventura. Os limiares, e aínda máis os limiares amigos, deben ser polo tanto invisíbeis e alentar coa súa calor as palabras alleas.

 

Iso pretendín humildemente nun texto que tiven a fortuna de escribir para ‘O ilímite de pensarte libre’, o libro de Iago Santalla que acaba de ser publicado pola editorial Toxosoutos. O feito de ter sido, por circunstancias felices da vida, espectadora privilexiada dunha boa parte do proceso deste non minguou para nada a impresión que me produciu a súa lectura unha vez que o tiven entre as mans, como se a travesía realizada polos despachos e as salas de máquinas anovase as súas palabras e lles conferise unha dimensión diferente. Velaí os misterios e do mundo do libro, ignorados aínda por outros soportes.

 

A obra deste mozo de Vilaxuste, a quen coñecín nas aulas da Facultade de Humanidades, achéganos a historia da súa loita titánica contra os límites impostos polo seu propio corpo —a minusvalía que sofre— e tamén polos prexuízos dunha sociedade que, como moito, se refuxia na compaixón. O testemuño é un verdadeiro manual de supervivencia que avoga por unha integración natural e que postula toda unha teoría do ilímite, palabra que o autor emprega no título, convencido de que «toda limitación garda un ‘ilímite’ que empurra os homes cara á utilidade».

 

Iago Santalla bota embaixo no seu libro os límites individuais e colectivos coa maza da súa palabra, a mesma que abre buracos que nos permiten achegarnos a unha realidade descoñecida pola maioría de nós e, polo tanto, incomprensíbel. Abertos os vans, a maza deixa o seu sitio ao cicel co que o autor labra delicadamente o seu texto gravando por veces nel palabras de voces amadas, compañeiras na viaxe da vida.

 

‘O ilímite de pensarte libre’ é un libro singular de principio a fin, desde a pel e o título até a despedida, que invoca uns versos do poeta celanovés a xeito de bandeira: «A vida é un motor moi complicado / i a morte unha solemne imbecilidá». Biografía, crónica, narración, denuncia social e relato lírico mestúranse nunha obra viva que rebenta co seu latexar as costuras de calquera xénero. A súa lectura ofrécenos ademais un fermoso agasallo de sabedoría ao ensinarnos que «o único erro irreversible e sen retorno no que non podemos caer é o de negarnos a vivir». A sabedoría de quen descubriu que «cando o home foi capaz de soñar naceu o mundo».

A teoría dos ilímites
Comentarios