A tenue liña divisoria

DENDE que iniciou a súa andaina cara a facerse co control global da humanidade, o capitalismo foi expresándose historicamente de variadas formas e aliándose sucesivamente con diferentes compañeiros de viaxe, segundo as súas necesidades puntuais. Dende o século XIX, vén demostrando unha capacidade de adaptación moi superior á que prevían algúns dos seus críticos, aplicando en cada momento histórico a estratexia máis axeitada para lograr simultaneamente o freo de calquera intento de organizar a sociedade en beneficio de todos e o desenvolvemento das ben calculadas accións de explotación cara a multiplicación sen límites da plusvalía que o sostén. Así, alternou momentos de máxima exclusión con formulacións momentaneamente compensatorias e tan propicias para as súas pretensións como o Estado de benestar, por exemplo, provocou e xestionou crises cíclicas para saír reforzado das mesmas, manifestouse como neocolonialismo ou imperialismo para expresar sen pudor ata onde está disposto a chegar para abortar calquera intento de poñer en cuestión o seu dominio, botou man do fascismo, entendido en sentido amplo, combinou a Guerra Fría coa guerra quente, creou o FMI despois da Segunda Guerra Mundial como unha institución teoricamente neutra, pero o transformou en administrador dos seus intereses, actuando como azote dos países pobres, converténdoos en dependentes, espoliando as súas riquezas naturais e deixándoos atrapados nun bucle do que non poden escapar; potenciou, noutro momento, o neoliberalismo e a globalización económica, co seu corolario social, cultural e político, impoñendo o libre fluxo de capitais, a privatización de empresas públicas, coa minimización do papel dos estados e o pulo á creación de paraísos fiscais como blindaxe protectora ante calquera veleidade confiscatoria e redistributiva da riqueza, orientando todo isto a facilitar, en cada momento, a imposición do capitalismo como sistema hexemónico a nivel planetario.

Ante tamaña ameaza, discutir sobre os matices diferenciais entre fascismo, imperialismo ou neoliberalismo parece puro diletantismo, e poñer a énfase nas diferenzas entre os primeiros e o neoliberalismo e presentar este como cualitativamente distinto para salvalo da crueza á que nos remiten aqueles, un despropósito.

Así, calquera intento de dilucidar se o que padecemos hoxe a nivel mundial responde ou non ao que canonicamente se pode denominar fascismo, se non o situamos no marco amplo da explotación do home polo home, corre o perigo de desembocar nun mero xogo terminolóxico que nos afaste da realidade que pretendemos describir.

Só alguén interesado, amnésico ou afectado ideoloxicamente polo síndrome da ‘fin das ideoloxías’, pode cualificar como trasnoitada e obsoleta a apelación á explotación citada para explicar o momento presente, resultado do devir histórico da humanidade. Que poidan existir hoxe persoas que pensen isto de boa fe, demostra ata que punto a anestesia mental aplicada produce efectos sobre a poboación que permiten realizar con precisión a extirpación calculada da capacidade analítico-crítica no ámbito do pensamento que coadxuve ao plan estratéxico despregado no ámbito económico.

Con tal bagaxe, o neoliberalismo non necesita, polo momento, botar man en Europa de proclamas estentóreas, xa que non precisa cruzar aínda a liña divisoria que o separa do fascismo dado que, como sistema, bástase para ter o control social, xa que dispón dunha combinación de exclusión e autoritarismo e ameaza con atravesar a liña, se fose necesario.

Se observamos o mapa electoral europeo, podemos detectar o considerable avance do voto a partidos que nos programas, e nas actitudes que derivan deles, ofrecen unha opción parafascista que raras veces tratan de ocultar. En diversos países teñen representación parlamentaria e mesmo participan en varios gobernos.

A peculiaridade do Estado español consiste en que, aínda que estes partidos non teñen representación formal nas cámaras estatais nin nos parlamentos autonómicos, o seu poder de decisión é, neste momento, moi superior ao dos seus homólogos europeos.

Tempo atrás, os valedores de Manuel Fraga Iribarne (aquel ministro da ditadura, da que nunca renegou, que tiña «el Estado en la cabeza» e que afirmaba sen rubor: «La calle es mía»), que buscaban «méritos» para lexitimalo democraticamente, argüíron ao seu favor o feito de ter controlado á dereita fascista española introducíndoa en AP, xermolo do actual PP. Progresivamente os introducidos, coa a aquiescencia dos introdutores, foron gañando espazo de poder ata que hoxe, dende o Goberno, asumen fielmente as políticas que ditan os mercados e deciden, sen control nin contrapeso, sobre a traxectoria e as expectativas vitais da maioría dos cidadáns.

A asunción da ditadura dos mercados conduce a este neoliberalismo sucursalista a aplicar neste país un darwinismo social, coa potenciación das elites económicas e coa práctica da exclusión social a base de privatizar servizos e recortar dereitos sociais irrenunciables. Mantén un férreo control da maioría dos medios de comunicación que, a seguir estratexias de corte goebbeliano, substitúen a información pola propaganda. Actúan constantemente con autoritarismo e dogmatismo, manifestado no desprezo do Parlamento, da sociedade civil, propiciando a desconfianza dos cidadáns nas institucións e no Estado de Dereito como tal, xa que en vez de división real de poderes, estes operan a modo de masa informe e opaca, intelectual e moralmente insostible.

A utilización arbitraria do estado, ao que adelgazan cando se trata de prestar servizos aos cidadáns e engordan para beneficiar as elites dominantes, a proxectividade e a violencia psicolóxica gratuíta que supón a inculpación das vítimas dos males que padecen, a falta de empatía e de sensibilidade ante o sufrimento alleo, que non exclúe a xactancia humillante (a do «que se jodan», o do «cuanto peor, mejor» e o que aldraxou publicamente as vítimas do franquismo son, respectivamente, deputada, ministro e portavoz parlamentario do grupo de Goberno), a prepotencia, a dureza, o cinismo, a mentira como parte da acción política, a obstinación, o talante displicente, a falta de diálogo, o rexeitamento do diferente e a degradación política que supón o nepotismo, a prevaricación e as máis variadas expresións da corrupción, compoñen un panorama desolador.

Por iso, aínda que o cheiro que emana desta sintética enumeración parece remitirnos ás análises dos totalitarismos de Arendt ou Adorno, ante a grave situación que nos circunda, non paga a pena centrarse en como denominar o modelo. Parece máis urxente preocuparse de se traspasarán, como ostentación obscena do seu poder omnímodo, a tenue liña divisoria.

o voo da coruxa

Comentarios