Tempus fugit

QUIZAIS non pasou ainda tanto tempo como para que nas zonas rurais se esquecese o Servizo de Extensión Agraria. As diversas dependencias -chamadas axencias- cubrian unha boa parte do territorio e, con métodos modernos levaban a cabo o seu traballo en catro aspectos fulcrais: explotacións, comunidades, familia e fogar e xuventude. Elaboraban un plano anual de traballo,nunha daquela novidosa programación por obxectivos, que se plasmába nun deseño semanal, e elaborábase un informe menusual narrativo que se elevaba á superioridade para a sua avaliación. Moitas das axencias dispuñan ademais dun estudo de comarca.

Mais cinxíndonos agora ao traballo coa xuventude, compre indicar que existian os chamados Planteis Xuvenis de Extensión Agraria, onde un grupo de rapaces dedicábanse ao estudo do seu propio medio e entorno, e realizaban actividades. Un deles, pertecente á Axencia de Ribadeo instalouse en San Miguel de Reinante, no concello de Barreiros, ainda que este concretamente revestía unha serie de características que o alonxaban, en certa medida, dos grupos ao uso, pois que a parte das suas especificas tarefas, comezou cun activismo cultural moi intenso. E entre as abondosas angueiras, formouse un grupo de teatro, que en agosto de 1971 chegou a por en escena ‘Os vellos non deben de namorarse’ de Alfonso R. Castelao. A peza era moi axeitada: un grupo numeroso de rapaces que interviron como actores e como decoradores. Pois ben, hai uns dias unha asociación da mesma parroquia, decidiu comezar a sua andaina representando de novo a mesma obra; houbo quen repetiu o papel e houbo quen pasou de protagonizar un rapaz a un dos vellos, algo certamnente singular e novidoso.

A impresión causada hai corenta anos no público e nos propios protagonistas, permaneceu ao longo dos anos, quizais agrandada polas lembranzas da mocidade, pero sobre todo polo interese e o agarimo cara unha tarefa colectiva orientada ao futuro, e tinxida dese espiritu emprendedor, progresista e un tanto arriscado para a época, capaz de acelerar o paso pouson da historia. A rememoración do outro día foi realmente impactante, comezando polos mais de seiscentos asistentes que acudimos, moitos embazados pola emoción do momento, e o eco xa distante daqueles tempos da adolescencia. A proxección dun vídeo sobre a primeira versión criou verdadeiros arreguizos de emoción.

E xa postos a furgar no pasado, convén engadir que quizais animados polo éxito de ‘Os vellos’ en toda a comarca mariñana, o Grupo decidiu montar ‘A fiestra valdeira’ de Rafael Dieste, coa que acudiu á Primeira Mostra de Teatro de Ribadavia, organizada pola Agrupación Cultural Abrente en 1973. Nesta ocasión o proído de superación levou ao director e a un dos protagonistas -o intérprete de Antonio, o pintor-, a desprazarse até Rianxo para se entrevistar co autor, naquela acolledora casa, próxima á de Castelao con vistas á ria de Arousa. ‘Tempus fugit’.

Comentarios