Tempos e derrotas

(*)

AO FINAL foron as sensacións térmicas e a chegada das chuvias as que nos meteron nun outono no que, por moito que dixese o calendario, non nos acababamos de ver. Durante os días calorosos cos que rematou outubro, as prendas de abrigo que exhibían os escaparates das tendas semellaban tan absurdas como aquelas que avanzan a tempada en pleno mes de agosto, como unha maleta ateigada de xerseis e bufandas preparada para embarcar cara a outra lonxitude, ou como a caricatura que fai unha amiga das persoas que, a golpe de almanaque, estrean moda de outono á raxeira de setembro. Fóra destes puntuais seguidores da moda, o certo é que o tempo climatolóxico, debidamente anunciado, determina hábitos e ofertas, e mesmo converte en noticia calquera fenómeno por previsíbel que sexa. Só iso explica o protagonismo que nos espazos de información acadan as novas relacionadas coa meteoroloxía, desde unhas chuvieiras que nos colleron sen paraugas até a temperatura da auga nunha praia, cando non a estrañeza dun outono tépedo e luminoso.

Nas cousas do tempo -mellor dito, dos tempos- volvín pensar ao ver, vai xa para un mes, os turróns ocupando os andeis principais dos supermercados ou, esta semana, as primeiras luces de Nadal nalgunhas cidades cando aínda nin sequera remataron os magostos. Teño para min que cada ano comeza antes o Nadal e mesmo algunha vez cheguei a pensar se, con tanto adianto, non acabaremos perdendo, ao contrario do que lle aconteceu a Phileas Fogg, días ou mesmo semanas. Máis alá da brincadeira, no que en realidade teño cismado é en como ese tempo imposto polo mercado e polas súas campañas -e a das datas que se aveciñan é unha das máis prometedoras- acaba tamén gobernándonos e aliándose, en calidade de ditador, con esoutro tempo marcado por un calendario laboral a cada paso máis inflexíbel.

O dominio dos calendarios -a nómina podía ser máis extensa e sumar a eles o escolar, o tributario, o social- convértenos ás veces nunha sorte de autómatas que facemos dos ciclos naturais unha anécdota da paisaxe. Moitos dos males do noso tempo, asumidos como inevitábeis ou como efectos colaterais do progreso, teñen de seguro a súa causa última nun lugar común da filosofía e a literatura de todas as épocas como é o paso do tempo. Máis que a súa inexorabilidade, agoníanos a confusión no cómputo e a perda de control no dominio. A discordancia entre eses tempos compartimentados por outros e o noso tempo íntimo, aquel que marca o ritmo co que verdadeiramente vivimos de pel para dentro as cousas, é quen de revelarnos, se nos paramos a pensalo, as dimensións da nosa derrota como civilización. Esa é a certeza que non soubemos ver cando entregamos o noso tempo, o natural e o íntimo, a cambio dun prato de lentellas ou dun puñado de moedas de ouro.

(*) Se mantiene el idioma original del artículo.

Comentarios