Tempos de Entroido

ESTAMOS en tempos do Entroido cando se relaxan en parte os valores e normas do resto do ano. Cando tralas máscaras podémonos agachar e aparentar por uns días o que non somos, disfrazándonos do que quereriamos ser ou de personaxes que permiten divertirnos. É un pouco o mundo ao revés con certa subversión e ruptura das convencións sociais, tal como reflectían os que se difrazaban vestíndose coa roupa posta do lado do revés.

O Entroido ten ademais unha vertente de sátira e de crítica da realidade, de caricatura para personaxes que ocupan cargos públicos, para a igrexa ou para a política municipal. Trátase de ridiculizar todo o que hai aceptar ou co que se convive o resto do ano.

Baixo as máscaras todos podemos aparentar ser iguais. É unha certa ruptura coa vida cotiá, deixamos a nosa personalidade na casa e baixo a máscara podemos ter e representar outro papel e librarnos con humor e por uns días dos nosos problemas. É un tempo en que nos botamos á rúa a divertirnos cos nosos amigos e outras máscaras que atopamos polo camiño.

Deste xeito o carnaval é un costume san, que nos permite fuxir por uns días dos problemas aos que nos enfrontamos o resto do ano.

O problema témolo cos que viven co Carnaval ao revés. Cos que usan unha máscara o resto do ano. Cos que nos disfrazan os seus produtos e dannos gato por lebre, como os que colocaban as preferentes como un produto seguro para uns clientes confiados. Cos que nos tratan de convencer con falsas teorías de que o rescate bancario non se vai a pagar cos nosos impostos. Cos que nos din que os nosos servizos de educación e sanidade apenas se deterioraron cos recortes. Cos que están a predicar que xa estamos superando a crise porque a economía xa creceu unhas décimas. Pero dentro dese Carnaval do engano hai unhas máscaras que están causando unha dor especial, que son os que corrompen e os que se deixan corromper, porque están aproveitándose do mal uso duns fondos públicos que teñen que ter outro destino e porque están defraudando aos que puxemos a nosa confianza neles.

O problema témolo cos que viven co Carnaval ao revés. Cos que usan unha máscara o resto do ano. Cos que nos disfrazan os seus produtos e dannos gato por lebre

Comentarios