Tiempo de una tapa

Instalacións do Gato negro. toño parga
photo_camera Instalacións do Gato negro. toño parga

Un dos privilexios da cidade do Cabe é dar unha volta polos seus bares e desfrutar dunha caña ou un viño con tapa de acompañamento. A oferta neste ámbito xa é ampla pero calquera iniciativa que a reforce será benvida. Un novo bar significa unha parada máis na ruta e un bocado delicioso máis que levarse á boca.

O Gato Negro é unha das últimas novidades na oferta monfortina de bares. Está ubicado no número 1 da Rúa Carude, xusto na esquina co Paseo de Lugo, onde antes xa había un bar, e abriu as súas portas fai apenas un mes.

As encargadas do Gato negro son Ana Belén García Saavedra e Sonia Vázquez González, que depositaron neste proxecto empresarial moitas ilusións e teñen plans moi apetecibles para o local.

O Gato Negro é un espazo acolledor, algo ó que contribuiu unha pequena remodelación que lle fixeron as súas propietarias, adecuado tanto para tomar un pincho mentras se espera ó fillo á saída do colexio como para compartir unhas racións tranquilamente na mesa cos amigos.

Sonia Vázquez é a que leva un pouco o control da cociña e estes días experimenta coas tapas. Na carta non faltan clásicos de sempre coma a panceta, a costela adobada a freba, o criollo e a tortilla, pero tamén se buscan sabores menos habituais coma unha fabada ou a chamada tapa de tocineta, que é coma unha panceta pero un chisco máis salada.

Os mesmos combinados das tapas poden consumirse en racións tanto á hora do xantar coma da cea e, a maiores, hai unha ampla variedade de bocadillos. A previsión é de aumentar a oferta de xeito progresivo.

O Gato Negro abre as súas portas todos os días agás os martes. Ó longo da semana un xa pode tomar o primeiro café ás 7.30 da mañá e na fin de semana ás 10.00 xa hai actividade no local. Polo día a actividade céntrase nos almorzos e nas horas dos viños pero o establecemento tamén ten tirón xa entrada a noite para tomar esa primeira copa antes de saír de troula pola cidade ou aproximarse ata Duquesa de Alba.

O local ten unha situación óptima, está nun dos puntos claves a nivel turístico e moi próximo a unha zona verde. De cara ó bo tempo as propietarias do Gato negro xa pensan na terraza como lugar para desfrutar do tempo de lecer e diseñan una carta de tapas compatible coas altas temperaturas do estío e os gustos da poboación.

Tamén está á volta de esquina a festividade de San Lázaro, na que os ovos con pemento teñen especial protagonismo nos locais do barrio de Carude, e O gato negro sumaráse á convocatoria.

ANA BELÉN GARCÍA, copropietaria:
"Estamos moi agradecidas a todos os veciños pola súa boa acollida nestes primeiros días"

Entre as propietarias do Gato negro a que conta con máis experiencia no mundo da hostalería é Sonia Vázquez González, pero tanto ela como Ana Belén García están apostando ó máximo polo local.

Apenas levan un mes de actividade pero neste tempo xa comprobaron que a hostalería é un sector que require atención continua.

O gato negro abriu as súas portas en plena crise económica e nunha época do ano non especialmente boa para as compras e o consumo. Pese a iso, as propietarias do local fan unha valoración positiva destes primeiros días de traballo. «Estamos contentas e agradecidas polo apoio que recibimos dos veciños e de toda a xente da zona. A clientela que frecuentaba o local antes de chegar nós segue pasando por aquí e tamén temos novos clientes. Atopámonos con ánimo para seguir adiante e traballaremos por que isto funcione», apuntou Ana García.

A versión da súa compañeira, Sonia Vázquez, é a mesma e o seu compromiso é o de esforzarse dende a cociña «para preparar platos adaptados ó gusto de toda a xente».

Queda por desvelar de onde vén o nome do Gato negro, a cuestión é sinxela e non ten nada que ver con un desafío á mala sorte. A Ana García gustoulle o xogo de palabras cando o escoitou e o local quedou bautizado.

Dende o establecemento O gato negro invitan a todos os veciños e achegados a visitar as súas instalacións e desfrutar dun viño, unha caña ou un refresco acompañados dunha exquisita tapa. A proba merece a pena..

Comentarios