miércoles. 30.09.2020 |
El tiempo
miércoles. 30.09.2020
El tiempo

Teléfonos 'celulares'

SON datos facilitados por dona Mercedes Gallizo, secretaria general de Instituciones Penitenciarias do Ministerio de Interior: No tempo que vai desde xaneiro do ano 2007 até finais de marzo deste 2008 levábanse incautados a internos nas cadeas españolas preto de mil cincocentos teléfonos móbiles. Suponse que se as autoridades competentes no asunto ordenan semellante requisa será debido a que a posesión dalgún destes aparellos dentro do cárcere é ilegal, que os reclusos que deles dispoñan están a incorrer nalgunha clase de falta, suponse asimesmo que se andan polo milleiro e medio os ‘mancontros’ aprehendidos o máis seguro é que sexan moitos máis os que aínda non o foron e non creo que sexa demasiado arriscado supoñer tamén que non han ser poucos os que entran e saen como mercadoría dun negocio pouco limpo, pero abondo productivo.

Se te paras unha miga a pensalo, quen pode hoxe considerarse alguén sen posuír cando menos un teléfono móbil? Respondes, tamén para ós teus adentros á pregunta e, claro, ese mesmo pensamento lévate irremisiblemente até a penitenciaría malagueña de Alhaurín de la Torre, por citar unha, e, xa nela, a algúns dos elementos que alí están engaiolados.

Que mente febril será capaz de imaxinar a Cachuli, Barrientos, De Santos, Roca e outras e outros desa caste sen un aparello portátil de última xeración formando parte case que indisoluble dun dos seus pavillóns auditivos? Se mesmo podes chegar a crer que o feito de privalos do tal podería chegar a considerarse un xeito, máis ou menos refinado, de tortura, algo que como é ben sabido, está fóra de todas as leis en calquera país democrático —non sei moi ben onde haberá que situar a base de Guantánamo— por máis ruín que o condenado sexa e desprezable o delicto cometido.

Certo que as chamadas realizadas e recibidas no móbil poden ser doadamente controladas e que se trata de dispositivos que precisan de recarga frecuente nas baterías o que hai unha chea de cousas máis que os fai bastante vulnerables e non moi difíciles de localizar, e con todo ben se ve que entrar, entran a feito.

Nos cómics da miña infancia cando alguén pretendía axudar a quen estaba preso no cárcere gardaba unha lima dentro dun bolo de pan e facíalla chegar así ó detido. Era nos chistes e nunca dei sabido o resultado práctico da argallada, pero, polo que sexa de caso, se cadra paga a pena poñerse a controlar todo o que levan no seu interior as latas de caviar, os xamóns pata negra, e mesmo as empanadillas de bonito en aceite que reciben os encarcerados.

Teléfonos 'celulares'
Comentarios