Tecedores de madeira

O Cercud organizou, a través do Centrad, un exitoso curso de cestaría que contou coa asistencia de case unha vintena de persoas
Asistentes ao curso de cestaría do Cercud en Baamonde
photo_camera Asistentes ao curso de cestaría do Cercud en Baamonde

Un dos oficios tradicionais que máis aceptación ten á hora de organizar cursos é a cestaría. Un bo exemplo son a preto de vintena de aplicados alumnos que acudiron durante varias semanas ás clases gratuitas promovidas polo Cercud Recreativo e Cultural de Baamonde (Cercud) no colexio da localidade.

A entidade begontesa estreou esta iniciativa, impartida a través do Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) da Deputación de Lugo, o pasado ano e o éxito foi tal que decidiron volver solicitar o curso esta tempada. «Quedaron moi contentos», precisa o secretario do Cercud, Hugo Parapar, explicando que a alta afluencia levounos a ter que facer dous grupos para aproveitar mellor as clases.

«Se hace corto», «xa estamos agardando polo seguinte» ou «foi de marabilla» son algunha das valoracións dos aprendices de cesteiro, que puxeron toda a súa maña para darlle forma a distintas variedades de cestos, e tamén a sombreiros, xarróns e ata algún paraugas. «Lo elegí porque me pareció original y es para un regalo», di Sonia Cabezas, dándolle os últimos toques á súa creación.

Os alumnos fixeron, sobre todo con médula, cestos de diferentes estilos e formas, ademais de paraugas, sombreiros ou xerros

Ela é una das ‘repetidoras’ que quedaron «moi contentas» coa experiencia da primeira edición do curso e non dubidaron en volver a apuntarse. Pero tamén houbo oco para caras novas coma a de Gloria Loaiza, autora de dous cestos.

«Me gustó todo, lo malo es el tiempo tan corto, quieres hacer más cosas y no puedes», di Gloria, máis que disposta a pasar a esa lista de reincidentes «para seguir aprendiendo, porque esto es una maravilla».

Na mesma liña se manifesta outro debutante e un dos poucos homes incritos, Carlos Veiga, que lle sacou todo o proveito posible a un curso polo que «tiña interese por facer estas cousas, porque as vía feitas e quería aprender». Carlos ata levou deberes para a casa e, como resultado, é o propietario de catro cestas.

Tres son de médula, o material máis común nestas clases, pero outra, a máis grande, é de «salgueiro negro», un material «de sempre», que é «moito máis difícil» de manipular, polo que «fai falta pulso». «Este quéroo para as setas, que non se deben apañar en bolsa», explica.

E se os alumnos están máis ca contentos coas súas obras de arte, entre as que tamén se atopa un cesto de láminas de castiñeiro, a súa mestra, Beatriz Valín non o está menos. «Creo que les gustó bastante», di, ao tempo que asegura que foron uns aprendices «muy aplicados», ademais de «encantadores».

Comentarios