Teatro 'verité'

Quico Cadaval comentouno o xoves, cando veu presentar a súa montaxe de Noite de Reis: "O que se leva agora é o teatro verité". O director veu a Lugo para presentar a representación desa peza de Shakespeare que vai facer o Centro Dramático Galego mañá, no auditorio Gustavo Freire de aquí, de Lugo.

Eu recomendo a calquera novelista e mesmo a calquera que pretendese selo que lese a Shakespeare e, nomeadamente, os estudos sobre o xeito no que o dramaturgo debuxaba os seus personaxes; non hai escola de maior aproveitamento para que os seres de ficción respiren.

Shakespeare foi o mellor construtor de tipos malia que quería ser poeta e escribía teatro por unha cuestión inmobiliaria. O teatreiro seguiu as indicacións do manual do perfecto emigrantiño, pois viviu en habitacións alugadas para facer peto e, coa fortuna que reuniu cos seus dramas e comedias, mercou as dúas mellores casas da súa vilela, Stratford Upon Avon. Supoño que os seus descendentes non lle perdoaron aínda que non asinase as hipotecas en Londres. Non era Manuel Jove, iso xa ficou claro; pero elaborou un catálogo completo de tipos humanos.

Cristina Domínguez a directora do Igaem, que tamén visitou Lugo para falar de Noite de Reis, refería que agora os directores non queren personaxes, senón actores: un bucle absurdo, porque os actores son personaxes cando exercen, por  moito que falen de si mesmos, como disque acontece. A iso se refire Cadaval cando sarcastiza esa nova tendencia escénica denominándoa teatro verité, que consiste en que os intérpretes se ispan; fisicamente, en moitas ocasións.

Mesmo anda polo país unha obra na que unha actriz incorpora a súa nai para que conte o xeito no que emigrou a Alemaña, nunha innovación que, asumámolo, non se lle ocorreu a Shakespeare, por moi emigrantiño aforrador que fose.

Claro que William non ousaría de ler que a directora teatral Ana Vallés aconsella, na revista Paraíso, aos actores principiantes "que deixen de facer Shakespeare e fagan algo dunha vez". Ousadía, á Vallés, non lla vou negar. Tampouco ao Premio Nacional de Literatura Dramática, Rubén Ruibal, quen se queixou de que se representaba demasiado a Shakespeare e moi pouco aos autores do país.

Bohemia funcionaria
As propostas de Vallés e de Ruibal non me sorprenden porque a maioría de autores, directores e actores de Galicia abandonou a bohème para deitarse cediño e soñar canto antes con seren funcionarios por nómina de Cultura. Iso garante montar canta idea absurda lles corra pola cabeza con apariencia teatral e entrevistar á mamá na representación.
Un dos poucos intentos sólidos de facer teatro privado de nós foi cun Hamlet. Escrito polo emigrantiño de Stratford, por certo.

Cadaval comentaba que "as paranoias dun rapaz nórdico" nunca motivaran. A mín tampouco. Que el era máis de Macbeth, "o triunfador ao que manipulan todos". Eu tamén. Pero Luís Tosar logrou ata reventa de entradas co seu príncipe danés.

O país sofre dunha chea de hamlets, que vagan polos corredores do castelo do Igaem na procura de subvencións para as montaxes de seu, cando o que precisamos é quen arrisque as naves, como Antonio en O mercader de Venecia.