Teatro escolar e SGAE

SEGUE A SER NOTICIA o caso do Instituto de Zalaeta da Coruña e a Sociedad General de Autores de España. Agora porque o sobriño de Lorca lle perdoa ao instituto os dereitos que debían pagar pola representación de ‘Bodas de sangre’. Contaban co permiso do Centro Dramático Nacional, propietario dos dereitos, que lles impuxo como condición non cobraren a entrada. A SGAE quería recadar 95 euros por esta actividade.

Falo en contra dos meus intereses, que son socia, mais coido que non é unha decisión atinada cobrar dereitos de autor aos centros de ensino. Até o de agora non era o habitual. Polos anos oitenta tiñamos no Colexio Rivera Casás de San Cibrao unha semana enteira dedicada ao teatro escolar. Quen teña andado nestes labores sabe que, por elementais que sexan o vestiario e os decorados, unha montaxe sempre ten gastos. Boto contas do que suporía pagar os dereitos de autor de sete obras e, dada a escaseza de recursos, de certo que non sería doado. Como daquela a SGAE ou non tiña tanto afán recadatorio ou tiña o sentidiño de non cobrar nestes casos, aquel centro creou afección ao teatro, que é do que se trata. Teñen máis sentido do ‘marketing’ os traficantes de drogas, que seica mesmo as regalan até crear dependencia. Imaxinan vostedes que, para as aulas de Educación Física ou os recreos, os alumnos e alumnas tivesen que estar federados nos distintos deportes que practican? A ninguén se lle pasaría pola cabeza, porque fica claro que se trata dun ámbito concreto, o da aprendizaxe e non o da competición. Do mesmo xeito o teatro escolar corresponde ao ámbito do ensino da literatura. Igual que en música se interpretan composicións de autores diversos ou en aulas de mecánica se traballa con modelos patentados. A finalidade non é comercial, senón formativa.

Como di o refrán, "non tiremos tanto da corda que rompa". É o que acontecerá pronto. As cousas están chegando a extremos nunca pensados. Pagar por cantar ‘A Internacional’ ou o propio himno dun equipo. Pagar por un acto solidario en que todo o mundo, incluídos os autores se están vivos, non reclaman dereitos. Pagar por sintonizar a radio na perruquería… Vaia que, glosando a Can-tinflas, podemos dicir que a cultura nos persegue. Tamén teremos que aprender do actor mexicano, se queremos zafar do pagamento: "pero eu corro máis ca ela e nunca me pilla".

Non se entenda, porén, que non estou a favor dos dereitos de quen escribe ou compón obras que terán difusión pública. É o seu traballo e ten todo o dereito a recibir unha remuneración por el. Os casos que comento non se contradín con iso. Sobre isto deberían lexislar.

Do que non teño dúbida é de que os ósos de García Lorca se revolveron no seu ignoto paradoiro ao coñecer a noticia de que a uns alumnos dun instituto lles puxeron trabas para representaren unha obra súa. El, que percorreu o país con ‘La Barraca’, aquel soño nada interesado.

Comentarios