Tarpeia

Entre os varios episodios aos que se lles aplica o aforismo de ‘Roma non paga a traidores’, está o de Tarpeia. Tarpeia era unha vestal, filla de Espurio Tarpeio, o gobernador da cidadela situada no outeiro Capitolino. Cando Tito Tacio atacou Roma, despois de raptar as Sabinas, conseguiu entrar mercé a esta rapaza que lles abriu as portas da muralla a cambio do que levaban os soldados nos seus brazos. Non agardaba que, en troques de lle entregar os brazaletes de ouro, botarían riba dela os seus escudos de guerreiros, esmagándoa cun peso inxente. Despois arroxárona desde unha rocha que aínda hoxe é coñecida polo seu nome.

Aquí tamén temos unha Tarpeia. Se cadra ela non o sabe. Chámase Gloria Lago, é profesora de Inglés en Vigo, e constituíuse en paladín da causa contra o galego. Di que o castelán periga se se aplica o decreto do galego no ensino que o Parlamento aprobou por unanimidade. Conta que os da súa organización, Galicia Bilingüe, defenden o bilingüismo; mais contradise porque se opón ao reparto salomónico que fai o devandito decreto. O tal reparto non abonda para conseguir a igualdade. Quen non estea cegado polo odio ao que somos sabe ben que as oportunidades para a nosa lingua, estranxeira na propia terra, distan moito das da outra. Xornais, televisións, Xustiza, comercio, igrexa … Números cantan.

Seica Tarpeia viaxou ao Parlamento Europeo coas súas queixas e, aínda que o negue, foi por lá e volveu rapada. Mais segue erre que erre a afirmar que lle deron a razón. É difícil acreditar nas súas palabras cando os papeis que chegaron de aló afirman o contrario. Din que o Galego está ausente na maioría dos ámbitos da nosa sociedade e mesmo aconsellan a inmersión lingüística como método pedagóxico. A inmersión, como se sabe, é impartir todas as aulas no idioma cuxo uso é preciso recuperar.

Chámolle Tarpeia porque ela, como a da historia, quere abrirlle a porta ao invasor. Mais o invasor xa está dentro e non precisa pactos con ninguén. Para ben ou para mal, estamos dentro do Estado español e temos a obriga, coa que cumprimos amplamente, de saber castelán. O castelán é unha gran porta aberta ao mundo da que non hai que renegar, nin moito menos. Pero non queremos botar pola borda a maior e mellor herdanza dos que nos precederon.

Roma non paga traidores, Galiza tampouco. Endexamais lle revelará o seu segredo aos que lle falan en lingua allea. Gloria – Tarpeia nunca será dona dos seus tesouros, aqueles polos que Cunqueiro loaba a Deus xa á fin dos seus días: dorna, abidueira, ponte, fonte … Pola contra, será esmagada polo rexeitamento da historia máis nosa, polo peso da razón que nos move.

Seica Tarpeia estaba namorada do asediador Tito Tacio. Ademais da económica, había unha razón de amor. A de Gloria debe ser a de ‘besta grande, ande ou non ande’.

Comentarios