Tapa blanda

ADE0207P58F2.JPG
photo_camera ADE0207P58F2.JPG

ACHÉGANSE datas especiais, cada vez menos por razóns espirituais e máis por razóns familiares e, o que na miña opinión e máis insano, por razóns consumistas. Xa hai semanas que un debe evitar certos centros comerciais en certos tramos horarios se non quere verse invadido polo inevitábel espírito do Nadal, que ata hai ben pouco non se desencadeaba ata despois da Constitución pero que agora, se pouco te descoidas, chega ata ti cando aínda estás dixirindo o derradeiro cacho de polbo das festas.

'La segunda guerra mundial', de Antony Beevor Todos damos un chisco en tolos na época, polo que non está de máis recorrer a pequenos aforros nalgúns regalos, por exemplo os libros. Aínda que levo xa anos dando a vara dende estas Gotas, creo que non me detiven nunca en explicar un dos mecanismos básicos de funcionamento do mercado do libro: o lanzamento en tapa branda. Non é cousa de extenderse, pero o máis frecuente é que os libros máis interesantes das mellores editoriais saian en volumes coidados e de tapa dura. Teñen un prezo alto e un custo de producción alto. Se a obra funciona ben, máis ou menos un ano despois desta primeira edición, os lectores temos o mesmo volume en tapa branda. Normalmente ofrece o mesmo contido e só cambian tamaño (non sempre) e tipo da pasta.

Ás veces hai choios grazas a este cambio de formato (estou a lembrar certa edición de ‘Contos’ de Guy de Maupassant), pero o corrente é un pequeno desconto que paga a pena. É o que se dá na edición que Pasado y Presente vén de sacar de ‘La Segunda Guerra Mundial’ de Antony Beevor tras dous anos da publicación en tapa dura. Beevor é un dos historiadores máis coñecidos dende a perspectiva do grande público grazas á súa obra sobre a Guerra Civil española. Eu falei ben daquel libro e volvería a facelo, malia as puntualizacións acertadas dalgún amigo humanista sobre as imprecisións do autor. É posíbel que erros similares estean presentes nunha obra tan monumental como esta monografía, que supera as mil páxinas e está tan chea de detalles e ao mesmo tempo tan articulada narrativamente que practicamente resulta imposíbel que iso suceda.

Non obstante, a traxectoria do autor fai que a un lle pareza difícil tal cousa. Namentres que a súa obra sobre a Guerra Civil era un fito illado na súa bibliografía, ‘La Segunda Guerra Mundial’ é a culminación dun carreira, un clímax preparado con obras sobre a caída de Berlín, o día D ou o cerco de Stalingrado. De feito, os seguidores de Beevor atoparán pasaxes que remiten a estoutros volumes, sen chegar ao autoplaxio pero cun aproveitamento de materiais evidente. Semellante preparación prevén erros inocentes aínda que tamén pode arrastrar algún que se escapase noutro tempo.

Beevor foi soldado e alumno de John Keegan -autor da imprescindíbel ‘Historia da guerra’-, o que fai que o podamos asignar ás ringleiras dos historiadores militares. Pero non imos atopar aquí unha sucesión monótona de descricións de unidades militares e operacións complexas senón un relato cohesionado que parte do centro militar para chegar á periferia do sufrimento causado pola senrazón humana. Moi interesante resulta a capacidade do autor para trazar perfiles de grandes xenerais en catro trazos e amosar como os seus caracteres e as súas taras influíron en moitas ocasións á hora de tomar decisións que costaron milleiros de mortos. Trátase dun proceso de desmitificación que non supón lapidar o protagonista -Rommel, Montgomery, Patton- senón amosar que os heroes, moi a miúdo, teñen máis dunha cara. Tamén temos o descanso que proporciona a capacidade de Beevor para atopar o detalle diferente, que capta a nosa atención cunha pincelada -por exemplo, só unhas liñas dedicadas á infausta División Azul-.

Estamos en tempo de consumir, por desgraza tamén en tempos nos que moitos non poden facelo. A tapa branda é unha solución mellor cá piratería. Houbo tempos moito peores, se iso serve de consolo. Ben pensado, mellor non ter nin árbore de Nadal pero pasala en familia e non a -40 grados nas estepas soviéticas agardando a penúltima xeada demandada polas tropas siberianas.

La segunda guerra mundial
Antony Beevor

Editorial Pasado y Presente

Páxinas 1.195 Precio 29 €

(Publicado na edición impresa o 6 de decembro de 2014)

Comentarios