Tamara Rubiños: ''Os traballos sociais son bos, pero o sistema vai ás penas de cárcere''

Tamara Rubiños. (Foto: JOSÉ Mª ÁLVEZ)
photo_camera Tamara Rubiños. (Foto: JOSÉ Mª ÁLVEZ)

Esta barreirense licenciada en Socioloxía estivo traballando en Albacete como criminóloga baseándose sobre todo en materia de prevención de cara á xuventude. Ademais, fixo un traballo sobre a delincuencia en pobos cercanos ós carceres que, por certo, di que non medra.

non é nada corrente atopar unha criminóloga na comarca. Tamara Rubiños estudou Socioloxía en Barcelona e logo enfocou a súa formación á Criminoloxía para acabar facendo un doutoramento que aínda ten en marcha e mesmo un traballo sobre a incendiencia da proximidade dun cárcere no entorno onde se encadra. Os resultados son que, en realidade, non teñen influenza algunha.

En que consistía o traballo que desenvolvía?

O que facemos é traballar con corpos como a Garda Civil, a Policía, os xuíces, a fiscalía..., non é nunca algo que ti fagas a nivel individual ou pola túa conta. Incidimos no que é a prevención e realmente tratamos de facer un traballo de investigación que se enfoque máis ben a un estudo vencellado sobre todo á delincuencia xuvenil, como previla e un pouco no tema das bandas.

Realmente danse problemas de bandas no que puido estudar?

O que fixemos foi tratar de ver realmente se cando se detén a un rapaz pode estar relacionado ou non con ese fenómeno das bandas e establecer digamos que unha serie de táboas nas que a Policía se poida basar para establecer se un rapaz pode pertencer ou non a unha banda.

E que se atopou?

En realidade, o fenómeno das bandas tal e como o adoitamos coñecer, non o hai, non hai que preocuparse. Máis ben o que hai son fenómenos individuais, de rapaces ou grupos de rapaces que quedan e tal, pero non coa idea de facer mal. Ademais, dos que quedan, só uns poucos son os que dan problemas.

Antes falaba dunhas pautas para identificar as bandas, cómprense algunhas?

É que por exemplo, a nivel europeo, unha das cousas que se marcan é que os rapaces pasen moito tempo na rúa, e eso por exemplo co clima que temos, pois non se pode ter en conta, porque non podes estar todo o tempo por aí.

Cada vez se está a facer máis famoso o xuíz Emilio Calatayud polas súas sentencias para rapaces nas que sustitúe os internamentos en centros de menores por traballos para a comunidade. Que lle parece este sistema, que tamén ten moitos detractores?

Cada vez se traballa máis no senso de servizos para a comunidade, e o xuíz Calatayud é moi mediático nese senso. Eu penso que esas medidas en beneficio da comunidade son positivas para todos.

El di que sabe que con cada rapaz que vai un centro crea un delincuente.

Claro, e é que é normal, é algo que nos pasaría a calquera de nós. Por exemplo, ti pensa que te meten no cárcere con 19 anos e saes con corenta e pico, pois cando saes, realmente non sabes que facer, estás totalmente descolocado da sociedade. Pero a pesar diso, a realidade é que a tendencia actual do noso sistema penal curiosamente é a contraria, é dicir, téndense a aumentar máis e máis os periodos de internamento, e penso que eso habería que reprantexalo. Incluso en casos moi leves e moi concretos de cousas como violencia de xénero, penso que non habería que perder de vista as medidas enfocadas á corrección e á reinserción. Xa digo que en casos leves e concretos.

Vostede fixo un traballo específico sobre a influencia dun cárcere no incremento ou non da delincuencia no seu entorno.

Foi a raíz dunhas declaracións do alcalde de Teixeiro nas que se queixaba deso, e parecéronme moi inxustas, así que me propuxen estudalo cientificamente. Fixen un estudo no entorno de todos os cárceres de Galicia e os resultados son que, en realidade, a presenza dun cárcere non ten ningunha influencia nos índices de criminalidade no seu entorno, é dicir, hai o que había. Paréceme que dicir o contrario é algo demagóxico, como unha forma algo tramposa dos políticos de dicir que se preocupan polos seus veciños.

A MARIÑA
''Pode haber percepción de inseguridade, e é lóxico, pero os datos son moi

rubiños logrou algo incrible, datos do Ministerio do Interior sobre delincuencia nesta zona.

Era algo que vostede estaba estudando?

A min interesábame moito saber cal estaba sendo a evolución da delincuencia en entornos rurais. Cada vez hai máis despoboamento, a xente é cada vez máis maior... Hai certo tipo de fenómenos moi chamativos ás veces, sen embargo, a realidade é que a nivel de delincuencia normal, non se dá un incremento especial.

En Ribadeo creouse certa paranoia cos roubos.

Deso teño algúns datos, e a realidade é que non son elevados para nada. O que pasa é que si que pode haber percepción de inseguridade na xente, e é normal, porque se lle rouban ó teu veciño, podes pensar, e é moi natural, que che poden entrar a ti na túa casa. E logo está o tema de que sae tanto nos medios de comunicación, que eso retroalimenta esa sensación, aínda que tamén entendo que os políticos locais queiran subsanar eso e se preocupen polo tema.

Comentarios