Talibáns

SALMAN RUSHDIE é un escritor nacido en Bombai, nunha familia musulmá. Estudou na India e despois trasladouse ao Reino Unido, para estudar en Cambridge. Empezou a escribir novelas e fíxose famoso con ‘Fillos da medianoite’, na que reflicte a transformación dunha gran parte do mundo logo da descolonización, incluíndo as tensións políticas e relixiosas que van caracterizar o período posterior. Non imaxinaba que el mesmo ía estar no centro da controversia. Cando publicou ‘Os versos satánicos’, algúns líderes islámicos considerárono un herexe e foi condenado a morte. Desde entón, viviu dúas décadas oculto en Inglaterra e Estados Unidos, con protección dos servizos secretos. Mesmo algúns editores e tradutores desta obra acabaron sendo vítimas da intransixencia e foron asesinados. Isto demostra que o fenómeno da globalización ten moitas arestas, pois pon en contacto civilizacións ou modos de pensar que son incompatibles. O asunto das caricaturas de Mahoma, publicadas en 2005 nun xornal danés e que provocaron unha onda de revoltas en varios países do Magreb e de Oriente Medio, cun saldo final de cen mortos, volveu expoñer o mesmo problema. Agora, un pastor protestante americano que levaba tempo ameazando con queimar publicamente exemplares do Corán, culminou o seu estúpido propósito en Gainesville, Florida. Esta é unha tranquila cidade universitaria, próxima ao mundo da fantasía Disney de Orlando. A figura deste reverendo non é para nada representativa, e non pasa de ser unha máis de entre a galería de personaxes estrafalarios que se poden atopar en calquera parte de América ou Europa.

Con todo, lonxe de alí, as súas accións tiveron un eco fenomenal. Nunha cidade afgana, centos de manifestantes atacaron en represalia as oficinas de Nacións Unidas e mataron a sete dos seus empregados, e varios transeúntes. Fanatismo fronte a fanatismo, nunha época na que pensabamos que os credos pasaran á esfera do privado, e cada quen podería obrar e crer segundo o seu antollo e sen importunar ao discrepante.

Esta actitude deu grandes froitos e permitiu superar unha triste historia de mazmorras e fogueiras. Con todo, os avances sociais son máis lentos do que se pensa e as actitudes atávicas perviven. Algúns gozan maltratando animais ou esnaquizando o mobiliario urbano, mais son considerados delincuentes e, seguramente, eles tamén son conscientes de estar obrando mal. Porén, os intolerantes relixiosos cren estar cheos de razón e de inspiración divina. Que Deus se apiade dos xustos.

Comentarios