sábado. 04.07.2020 |
El tiempo
sábado. 04.07.2020
El tiempo

As táboas da Historia

NALGÚN lugar debera haber un espazo para gravar os nomes dos gobernantes nefastos, non para homenaxe senón para memoria das xeracións vindeiras. Imaxino tal espazo ben afastado da grandeza humana que teñen os muros escritos, por ruinosos ou precarios que estes sexan. Tampouco imaxino un chan de pedra ateigado de inscricións, nin un campo cuberto de lápidas. O espazo que albergara tan triste memoria, levaríao lonxe de museos e teatros, lonxe de hospitais e de pousadas, de parques e de prazas.

Para os nomes dos gobernantes nefastos, procuraría un espazo escuro como a súa sombra e frío como moitas das decisións que tomaron. Talvez unha nave decrépita, situada nos arredores da civilización, ou os cascallos dun cárcere deshabitado. Cumpriría retellar para que a memoria non se borrase coa chuvia, calear as paredes e arranxar a portada. Os seus nomes poderían ir clasificados por continentes, por países, por categorías ou por calquera outra razón. Ocórreseme, por exemplo, facer un grupo con aqueles gobernantes que, co seu empeño en non se retiraren, experimentaron en carne propia a derrota e outro con aqueles que fixeron que a xente vise na súa retirada unha vitoria. Nese particular índice, máis que escribir sobre a parede branca, proporía ir cravando pequenas táboas cos nomes e as datas, que poidan ser cambiadas de lugar. Talvez novas lecturas da historia, feitas sen a presión do poder e, as máis das veces, coa distancia debida, obriguen a situar nun lugar diferente os ex-mandatarios.

Esta semana o mundo viraba os ollos cara ao país no que se estaban a celebrar as eleccións que ían substituír ao que moitos cualifican o peor presidente da súa historia. Semellante galardón, gañado a pulso con decisións tomadas de costas á humanidade —a invasión de Irak e a terríbel situación na que sumiu ó país, por falarmos da memoria das rúas— debuxan un triste final para quen conseguiu o soño americano de chegar á Casa Branca. Tal circunstancia fixo ademais que as eleccións á presidencia dos Estados Unidos levasen engadido un plus de esperanza: a esperanza no cambio, asentada en casos coma este, na certeza dun desexado nunca máis.

A esperanza medrou nesta ocasión, e de maneira especial en determinados sectores do electorado, ante un candidato demócrata que pasará á historia co triste cualificativo de primeiro presidente negro. A vitoria de Barack Obama, que moitos tiveron que ver para crer, sementou esperanza en milleiros de persoas, tamén entre as que volvemos os ollos cara ao país máis rico do mundo con escepticismo.

Entretanto, a historia terá que ir preparando xa unha nova táboa para escribir o nome de quen desoíu o mundo para escoitar aqueles que cría ecos da súa propia gloria.

As táboas da Historia
Comentarios