Sufrimento exultante

O vivido onte pódese definir como “sufrimento exultante”. Ninguén dixo que ascender resultara doado pero onte demostrouse que a persistencia do Valladolid nesa carreira suicida provocou nos nosos un sufrimento que atenaza os futbolistas e lle encolle o corazón á afección. É o que ten
a convivencia coa ansiedade; as présas por alcanzar unha meta en forma de ascenso que se vislumbra, que se roza cos dedos, pero que nunca dá chegado.

O sufrimento en Balaídos chegou moi cedo e do peor xeito: expulsión e gol do Xerez. Augurábase
o desastre pero o Celta ergueuse ante a adversidade. Dez valentes de celeste levantaron o
partido con casta, paixón e, sobre todo, fútbol. O Celta demostrou por enésima vez a súa pegada.
Suma 81 goles, cun Aspas convertido en xigante –leva tres dobretes seguidos– escoltado
por un Orellana fino no desborde e un equipo entregado á causa do ascenso. Balaídos acabou
cantando a Rianxeira. O Celta só sumou 3 puntos pero anímicamente foron 6; tantos como os
triunfos consecutivos que acumula nun sprint no que faltan dúas tiradas.

O triunfo do Celta obrigaba aínda máis o Deportivo, pero o equipo de Oltra volveu xogar con
lume e a piques estivo de queimarse. Xisco marcou no 94 un gol que vale medio ascenso. Final
feliz para un equipo anestesiado, incapaz de dominar un Nástic desahuciado. O rapapolvos de
Xerez non xurdiu efecto onte o partido acabou sendo unha ruleta rusa; aínda que nisto dos finais
tensos, o Dépor sempre sae airoso. É a sorte do campión, a sorte dun Deportivo atascado na recta
final pero que agora si, en Riazor –onde nunca falla– poderá cantar o alirón ante os seus.

Comentarios