Subvencionado estado social

Os expertos califican o desastre poblacional galego de suicidio demográfico. Tendo moitos vellos que, lonxe de seren unha carga, son un activo económico e unha activa memoria histórica, o goberno debera apostar polos nenos, pola rapazada en canto de inzar o país de viadutos, Aves incertos, triplicados aeroportos para repartir a nada. Incapaz de coidar o tesouro das rías e protexer as paisaxes de todos, créanse enormes infraestruturas portuarias nun país que despeza barcos.

O tempo de esperar e calar pasou e a cidadanía terá que esixir políticas que invistan os 8.400 millóns de euros do orzamento galego máis na infancia e na mocidade e menos en carísimas infraestruturas que servirán pouco máis que valados dun cemiterio. Terán que elixir os políticos se queren gobernar unha Galicia viva ou xestionar un xigantesco xeriátrico imposible de soster. Nunha terra onde os nenos son especie en vías de extinción, pouco farán políticas asistenciais subvencionando cueiros se os procreadores foxen dunha Galicia que lles nega oportunidades.

Só con emprego, soldos dignos e casa regresarán as andoriñas, xente nova na que investimos tantos millóns. Para iso precisamos estadistas capaces de facer prospectiva de futuro e non políticos urxidos por eleccións cada catro anos, proclives ás comenencias dun votante sumiso, irremediablemente vello.

Se algo define a Galicia é un modo de ser, un xeito de falar, un modo de ocupar o territorio. Todo iso vaise perdendo. Dos 36.000 núcleos de poboación galegos máis de 8.000 están condenados. Miles de lugares, parroquias, aldeas moi envellecidas desaparecerán porque non teñen capacidade de rexeneración. Un territorio pouco vertebrado fai imposible levar todos os servizos a todas as persoas en todos os lugares. É vital organizar o territorio para impedir que, por exemplo, a Consellería de Educación gaste o 20% do presuposto en transporte escolar.

A que dedican o tempo os nosos políticos no caldeado luxo do Pazo do Hórreo? Son conscientes de que o futuro de Galicia esvara polo sumidoiro dunha demografía minguante? Seguirán apostando por viadutos, autopistas que non levan a ningures, Aves deficitarios onde xamais viaxarán os vellos? Seguirán pedindo carísimas, innecesarias terminais en Lavacolla, Alvedro, Peinador, eses museos da soidade?

Cómpre apostar pola mocidade máis formada e máis emprendedora e non por unha terra envellecida, é dicir, inmobilista e vacinada contra a innovación. Sen xente nova non hai impostos, nin cotizacións sociais. E sen traballo non hai rapaces na nosa terra. Sen eles non temos cultura, nin lingua. Perde Galicia e perdemos Galicia. Teremos, si, un goberno de maioría absoluta en maioría absoluta ata a xubilación final. Iso si, subvencionada.

Comentarios