A suba de impostosnos carburantes

A Xunta vai elevar ata os 4,8 céntimos por litro o recargo autonómico nos impostos de carburantes, o coñecido polo ‘céntimo sanitario’ polo destino que se lle vai dar ao recadado. Deste modo encher un depósito de 50 litros vainos custar 1,2 euros máis no caso da gasolina e 1,8 euros no gasóleo. Ven ser unha medida máis de parcheo para apuntalar a caída nos ingresos públicos sen entrar no miolo do problema cunha reforma fiscal que axude a equilibrar a carga que soportamos os cidadáns para que sexa máis proporcional ao nivel de rendas.

Un problema con este imposto nos carburantes é que non discrimina entre o uso voluntario dos automóbiles por cuestión de ocio con respecto aos ‘obrigados’ por ter que utilizar o vehículo propio para os desprazamentos ao lugar de traballo ou para ser atendidos nos servizos públicos ou para facer outras xestións necesarias para a terceira parte da nosa poboación que vive de modo máis disperso nas zonas rurais, debido ás carencias existentes nos transportes públicos.

As limitacións dos transportes públicos levan a que tan só un terzo dos galegos usen os transportes públicos con facilidade, tendo o resto dificultades ou carece deles, mentres que no conxunto de España a metade dos cidadáns ten un bo acceso a eles, utilizándoos con facilidade. Estas limitacións tamén poden explicar o maior gasto dos fogares galegos en combustibles, que superan nun 11% aos do resto de España, segundo a enquisa de orzamentos familiares do Instituto Nacional de Estatística.

A falta duns servizos de transporte axeitados aos horarios laborais ‘obrigan’ a boa parte dos nosos cidadáns a realizar os desprazamentos ao lugar de traballo no seu propio vehículo cun maior custe que no transporte público, reducindo deste modo o seu nivel de renda dispoñible.

E estas carencias son máis acusadas para os que se teñen que desprazar desde as zonas rurais onde residen ás pequenas vilas e cidades nas que teñen os seus traballos. Segundo o censo de poboación ao redor do 40% dos traballos desenvolvidos polos ocupados das zonas rurais é realizado noutro municipio distinto ao da súa residencia e nun 15% dos casos estes traballos requiren un desprazamento superior á media hora, que en boa parte dos casos é realizado nun vehículo propio.

Deste modo temos un recorte máis na renda dispoñible dos fogares que se engade aos rexistrados nos servizos públicos e que está resultando nunha carga considerablemente maior das rendas medias e baixas neste tempo de crise.

Comentarios