Á súa saúde

A morte dun bebé nun hospital madrileño lembrounos o fráxil que é a nosa vida e canta axuda podemos chegar a necesitar para saír adiante. No caso que comentamos, un lamentable erro tivo consecuencias fatais e reabriu o debate sobre a calidade da asistencia. Con todo, por moito que nos alarmen estas noticias, todos os días miles de persoas superan delicadas situacións médicas, operacións e mesmo transplantes e, salvo en contadas excepcións, isto non aparece nos medios de comunicación. Podemos dicir que o nivel da asistencia sanitaria en Europa, e particularmente en España, debe ser motivo de orgullo porque nos sitúa nos primeiros lugares do mundo. Pero ademais da calidade debe destacarse a universalidade, é dicir, todo o mundo ten acceso aos tratamentos, sen importar a súa condición social nin económica. Isto é un gran avance, se o comparamos con países con gran prestixio en medicina, como os Estados Unidos, que presenta unha grave descompensación que deixa á marxe aos menos favorecidos. Durante a actual crise, foron miles os americanos que viron como, á vez que perdían o seu emprego, quedaban tamén sen seguro médico. Noutros casos, cidadáns que levaban toda a súa vida pagando a póliza atoparon que cando necesitaban unha cama de hospital a súa compañía aseguradora negáballa, mediante argucias técnicas.

 

É difícil imaxinar unha situación peor que a do enfermo grave que debe ir ao xulgado para conseguir un tratamento. Outras cifras da sanidade americana son tamén alarmantes, como a taxa de mortalidade infantil, que se sitúa á cabeza dos países desenvolvidos, quintuplicando á de Singapur, por exemplo. A causa hai que buscala mesmo na mala saúde das nais durante o embarazo o que dispara os índices de nacementos prematuros.

 

Xa durante o mandato de Clinton fíxose un gran esforzo por reformar a sanidade e estender os seus beneficios a toda a poboación, pero un variado grupo de presión que, por suposto, incluía ás industrias farmacéuticas e ás compañías de seguros, co decidido apoio da dereita, conseguiu tombar o plan. Nin que dicir ten que Bush esqueceuse do asunto e agora Obama retómao, aínda que xa apareceron os primeiros nuboeiros. Tendo en conta o que está en xogo, é unha mágoa oír a un líder da oposición declarar que teñen que frear a reforma sanitaria porque esta será a primeira gran derrota do presidente. É dicir, pretenden darlle unha patada no traseiro a Obama, á conta da saúde de millóns de americanos, e resulta sorprendente que moitos deses militantes sono tamén de movementos chamados pro-vida. Vivir para ver. 

Comentarios