Lunes. 11.12.2017 |
El tiempo
Lunes. 11.12.2017
El tiempo

A sorte de Valle Inclán

Valle Inclán non tivo sorte en vida. Cos tempos, co teatro, cos amigos, cos enemigos, coa familia. Non sei se tivo sorte cos directores de escena porque daquela non se levaban. Non tivo sorte cos cartos porque moitos non conseguiu. Ese foi o seu esperpento.

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

A OBRA DE Valle Inclán foi ascendida ao ceo dos clásicos incluso sen ser entendida de todo. A virtude do teatro de Valle, especialmente do teatro, é que pode ser utilizado en moitas direccións e iso foi, máis que menos, o que pasou. Que en Madrid pensaron que ou ben era un autor castizo da capital ou enxebre do país bretemoso. Que se Luces de bohemia ou Divinas palabras, todas elas con interpretacións que buscaban máis centrar o autor que explicalo. Quero supoñer que a Valle lle daba igual, a súa preocupación era ser representado. Conseguiuno.

A mala sorte de Valle é tamén unha ficción. Pero é verdade que arredor da súa obra sempre hai moito ruído. En vida porque xa el se encargaba de darlle contexto á súa contorna. De morto porque nunca escapamos do feitizo dunha boa bronca entre opinantes. Valle, Ramón María, escribía como escribía. Escribía ben. E raro para a época. E ningunha cultura que se precie pode prescindir dos servizos dun escritor así. A cultura española, co seu habitual sentido da posesión, españolizou a Valle e fixo crer a moita xente que o autor de Tirano Banderas escribía en castelán. Ata un académico medio sabe que non é así. Que quizais o dramaturgo, escribindo como escribía, non tería aprobado unha reválida das que o goberno utiliza para asegurar que o talento segue rebotando contra os estudos.

Esta confusión sobre o idioma veu provocada polo ánimo de propiedade e confundiu incluso a descendentes directos do autor porque, a pesar de ser a súa obra teatral un catálogo de fraseoloxía galega, non podía ser traducida a ese idioma. Esta negativa acabou por ser unha fenda crítica na historia do CDG e a súa decidida intención de facer un Valle fose no idioma que fose, agás en galego. E nesa decisión entra un paradoxo histórico que tanto nos confirmaba daquela como unha cultura autonómica. Daquela, como hoxe mesmo, a decisión de reunir obras do repertorio menos utilizado de Valle declaraba sen querer que para representar desde Galicia o autor había que irlle entrando aos poucos, como pedindo permiso, como se para facer a Valle houbese premier ou rexional e a nós nos tocase a segunda porque si. Galicia non podía entrarlle a Valle por Divinas palabras e dar, de vez, a versión máis xenuína desa historia con sancristán, baldadiños, cruceiros e xente que sae de misa os domingos para ir comer pasando por diante de xente que non ten para comer.

Valle chegou ao galego por fin e aquí está: entre a bronca e a nostalxia. Bronca porque o escritor non pode pasar desapercibido nin sequera a estas alturas. Bronca porque quizais Valle chegue algo tarde ao teatro galego e chegue un pouco pola porta de atrás. A nostalxia vén doutra parte. Pero tamén nos explica un pouco. A nostalxia do que non tivemos: a idea de facer un Valle Inclán á altura do seu tamaño ou á altura da súa lenda. A outra nostalxia ten que ver co moito que chamou a atención nos anos noventa aquela montaxe das Comedias bárbaras do Centro Dramático Nacional, (nacional de España, claro). A triloxía feita por xunto e con actores que non sabían dicir touporroutou. Un desparrame. Pero igual era iso o que queríamos de verdade. Que veñan desde La Latina a dicirnos que grande era Valle.

A sorte de Valle Inclán