Sopa de letras

Sopa de letras

DENDE HAI UN MES somos incapaces de concretar a posición do sol por moito que ergamos a ollada ao ceo. Non somos quen de afirmar que a Terra non parou a súa marcha e menos de negar que se asentou sobre nós unha nube inmensa, eterna e cruel. A nosa actividade fundamental é rezar a MeteoGalicia e facer porque escampen as oracións á Virgen de la Cueva. Algún día estes millóns de miniparacaidistas acuosos deixarán de caer e teremos que recompoñer o noso pequeno mundo para que se pareza máis a un lugar no que tamén había secas. O planeta é unha combinación de cifras e letras, aínda que no noso imaxinario quedou fixado como unha sopa de letras, un lugar sen certezas no que flotan letras coas que non damos armado palabras. En Xove tiveron un xeito orixinal de armar un dique: botaron bloques con forma de letra T para que as ondas fosen compoñendo as verbas. A noticia boa que agardo desta Atlántida que habitamos é que os mariñeiros lucenses sairán, por fin, faenar. A pesca son cifras e, sen pesca, non hai quen pague letras. As contas non cadran mesmo para as persoas que teñen a teima de sumar, restar e multiplicar as matrículas dos coches; esas que viven nun ámbito matemático e, polo tanto, perfecto. Non todas as ondas bravas veñen do mar, ás veces nos sorprenden polas costas, dende terra.

Comentarios