Os sons que volven a ilusionar en Cervantes

Varios grupos actuaron en San Román para recadar fondos trala vaga de lumes e promotores dun festival similar en Betanzos doaron a gandeiros estacas para refacer os peches das fincas
Entrega a gandeiros da Freita de estacas para que reconstrúan peches de fincas
photo_camera Entrega a gandeiros da Freita de estacas para que reconstrúan peches de fincas

Cervantes recuperou este sábado a ilusión e o sorriso, trala vaga de lumes de outubro, ao ser o epicentro de varias actividades, coa música de protagonista, organizadas para botar unha man na recuperación das zonas arrasadas polas lapas. Así, pola mañá materializouse a axuda prometida hai días desde Betanzos, tras un concerto solidario, e pola tarde a música volveu ser o pretexto para xuntar fondos cos que colaborar na reconstrución da casa que ardeu en Pando.

Os impulsores da iniciativa solidaria betanceira, un festival celebrado hai un par de semanas, foron Rocío Cal, Manuel Cupeiro y Patricia Roel, que se achegaron este sábado á mañá a Cervantes para destinar a recadación, 2.327 euros, á compra doutras tantas estacas que chegarán a mans dos gandeiros, para que reconstrúan os peches das fincas.

De feito, segundo explicou Patricia Roel, tras comprar ese material nunha tenda en Pedrafita foron ata A Freita, na parroquia cervantega de Cereixedo, para entregar as primeiras estacas aos veciños da zona con gando. "Foron moi amables con nós, moi acolledores, e mostráronse moi agradecidos. Quedamos encantados", resaltou do trato recibido. Tamén agradeceu o apoio que recibiron do Concello de Betanzos, dos comerciantes e dunha decena de grupos musicais para que o festival que promoveron, co lema Non máis lume, fose un éxito.

Precisou que a partir de agora os efectivos de Protección Civil de Cervantes, quen os guiaron onte nesa visita á Freita, serán os que se encarguen de facer o reparto do material restante entre os gandeiros, nos próximos días.

MÚSICA, HUMOR E MAXIA. Esta delegación betanceira non deixou Cervantes sen pasar antes polo pavillón de San Román, onde houbo espectáculos musicais, de humor e maxia con esa mesma teima de botar unha man trala desfeita do lume. A iniciativa partiu do grupo local Os Xardois, con apoio do Concello, e os fondos empregaranse en axudar ao veciño de Pando que perdeu a súa casa.

Con Isabel Risco de mestra de cerimonias, dende as catro da tarde actuaron, entre outros, Os Xardois, Os Gaioleiros, Polavila de Piornedo, Son de Cores, a banda de gaitas Devandeira, o mago Lolo, Lucía Pérez e Tiruleque.

Este festival tivo moi boa acollida ao achegarse numerosos veciños e visitantes, que obrigaron a transformar o campo de fútbol nun gran estacionamento. O presidente dos Xardois, Carlos Santín, sinalou, agradecido, que tiñan preparadas 500 pulseiras co lema do acto, Perdemos o verde pero non a ilusión, que vendían a cinco euros, "e esgotáronse todas, e se houbese 300 máis, vendíanse tamén". Destacou, ademais, que os artistas actuaron de balde.

Esta actividade retomarase hoxe cunha ruta matinal polas zonas afectadas polos incendios, que rematará cun concerto de Tundal na Campa da Braña.

Comentarios