Sonia Freire: "Los gobiernos deben darse cuenta de la importancia de la investigación"

A moza guitiricense Sonia Freire, licenciada en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, vén de acadar a máxima cualificación coa súa tese de doutoramento, unha investigación que mellora o entendemento científico do alzhéimer e con el a procura dun tratamento máis eficaz.
Sonia Freire.
photo_camera Sonia Freire.

A GUITIRICENSE Sonia Freire vén de acadar a máxima cualificación coa súa tese de doutoramento, un estudo que dá un paso máis alá sobre unha das enfermidades do século XXI: o alzhéimer. Ela, ao igual que a meirande parte dos novos investigadores, reclama maior implicación por parte das administracións para poder avanzar pouco a pouco no camiño da ciencia. En que baseou a súa investigación?

Centreime no estudo de distintos sistemas supramoleculares que presentan importantes aplicacións industriais e que tamén son empregados como modelos de sistemas biolóxicos, pero como tema central intentamos avanzar no coñecemento do proceso de agregación do péptido amiloide. Este péptido é considerado o causante da enfermidade debido á capacidade que ten para formar agregados tóxicos.

Que obxectivos se marcou inicialmente?

O noso obxectivo foi avanzar todo o posible nun mellor coñecemento do proceso de agregación do péptido para dar lugar á aparición xa dos primeiros agregados de pequeno tamaño, que son considerados hoxe en día os principais responsables dos danos causados en pacientes coa citada enfermidade.

Canto tempo estivo traballando?

Os meus estudos de Terceiro Ciclo empeceinos xa no 2008, pero durante estes anos xurdíronme varias oportunidades de traballo moi interesantes para min, tanto na Administración pública como na empresa privada, e non as rexeitei. Desta forma, fun compaxinando a investigación na universidade, á que tamén me dediquei integramente varios anos, cos outros traballos.

Que atrancos se atopou durante ese longo camiño?

A primeira dificultade que atopas é a realización do traballo de investigación en si, xa que se necesitan moitas horas, moita paciencia e moito entusiasmo para poder desenvolver experimentos exitosos e con bos resultados.

Este estudo permite avanzar nas causas da aparición de lesións existentes en pacientes de alzhéimer.

A agregación do péptido amiloide orixina agregados de distintos tamaños que son tóxicos para o cerebro dos pacientes, sendo moi características desta enfermidade as denominadas placas senís, que son agregados fibrilares de gran tamaño que se depositan entre as neuronas, causando danos nas mesmas.

Que outras variables foron quen de resolver?

Conseguimos tamén mellorar o entendemento en canto ao comportamento da sonda fluorescente tioflavina T.

Que importancia teñen a nivel real estos resultados acadados?

Son outro pasiño máis no entendemento desta enfermidade, que aínda que hoxe en día está sendo moi estudada non se consegue avanzar en gran medida no seu tratamento. Así, poder coñecer mellor o proceso de agregación do péptido facilita a busca de solucións para evitar o mesmo.

En que medida beneficiarían aos enfermos?

Os resultados supoñen unha importante mellora no coñecemento da asociación do péptido e estes poden empregarse para seguir camiñando cara o desenvolvemento dun tratamento para a enfermidade, de forma que se poida actuar sobre a mesma dende as etapas máis temperáns.

Recibiu a máxima cualificación. Esperábao?

Esperas unha boa cualificación despois de tantos anos de traballo e tanto esforzo para conseguir os obxectivos formulados, pero ao final foi moi importante para min ver a valoración do tribunal.

A investigación é o camiño polo que lle gustaría continuar?

Sempre me gustou a investigación máis que a docencia, pero tampouco a descartaría. Pero na actualidade este é un camiño moi difícil a seguir se non queres marchar de España, polo que prefiro continuar traballando noutros campos na empresa privada.

Cre que en España as investigacións teñen o respaldo suficiente?

Non. Aínda que cada día hai un maior apoio por parte da poboación en xeral para que se intensifique a investigación, o goberno parece mostrar cada vez menos interese por este tema, reducindo continuamente as axudas proporcionadas neste ámbito. Tampouco se facilita que os investigadores permanezan en España nin o seu retorno ao país.

Como cre que se podería cambiar o rumbo?

Sería necesario que os nosos gobernantes se deran conta da importancia que supón o desenvolvemento da investigación dentro do noso país, de forma que evitaran a saída de España dos investigadores e facilitaran a súa continuidade e traballo no campo de investigación no que son expertos.

Comentarios