Harry Potter. A History of Magic

A soneca millonaria de Joanne Rowling

Unha viaxe en tren entre Manchester e Londres en 1990. No transo, Joanne Rowling maxina nenos meigos e un colexio máxico, curuxas que levan o correo e gatos que se transfiguran en Maggie Smith

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

O DERRADEIRO título da heptaloxía do neno meigo, Harry Potter and The Deathly Hallows (Harry Potter e as reliquias da morte), despachará o 21 de xullo de 2007 once millóns de exemplares en tan só 24 horas no Reino Unido e Estados Unidos. Vinte anos despois daquela primeira edición de medio milleiro de libros e logo dunha década transcorrida desde a saída do prelo da fin da historia, a serie de Harry Potter é a máis existosa da literatura universal de todos os tempos e a súa autora, Joanne JK Rowling, unha das mulleres máis ricas do Reino Unido.

Con que ingredientes se cociña a receita do éxito na literatura para nenos e mozos?

O fenómeno pottérico é seguido desde os seus comezos con desconfianza polos gardiáns das esencias do canon literario. Pon o grito no ceo Harold Bloom co seu artigo Poden 35 millóns de persoas estár equivocadas?, publicado —ollo aí— no The Wall Street Journal no ano 2000. A resposta é, por suposto, que os lectores de Harry Potter viven no máis absoluto dos comportamentos erráticos.

Case que por darlle nos fociños a Bloom, o narrador e semiólogo italiano Umberto Eco sae polo neno meigo que soñou Rowling. "Suponse que as aventuras de Harry Potter son unha versión moderna do Grial, un mito ilustre da tradición occidental que lexitimaría por si só a súa lectura". A serie de libros responde a un esquema clásico que se pode atopar na Cinsenta ou en Oliver Twist, apreza Eco.

Precisamente, o neno de once anos que se nos presenta no primeiro dos títulos, Harry Potter and The Philosopher’s Stone (Harry Potter e a Pedra Filosofal), forma parte da tradición de orfos literarios, sinala o crítico angloirlandés Terry Eagleton, heterodoxo, marxista e católico. Eagleton compara este Bildungsroman, esta narrativa de formación que ten ecos das novelas de internados británicos de Enid Blyton, con outras pezas protagonizadas por orfos ilustres, como Grandes esperanzas de Dickens ou Jane Eyre de Charlotte Brontë.

O 26 de xuña de 1997 Blommsbury tira unha edición de 500 copias de Harry Potter e a Pedra Filosofal. Vén de nacer un fenómeno fan


"Os orfos son figuras anómalas, cun pé dentro e outro fóra das familias que os acollen. É esta perturbación a que pon en marcha a narrativa. Se somos lectores victorianos, sabemos que as cousas acabarán por lles saír ben, mais sentimos curiosidade por sabermos como conseguirán saír adiante e que adversidades atoparán polo camiño", sinala Eagleton en Cómo leer literatura.

Eagleton atópalle ao personaxe de Harry Potter un aquel con Luke Skywalker de A Guerra das Galaxias e mesmo o trío protagonista remeda un pouco o das películas de George Lucas, cunha dinámica entre Hermione Granger e Ron Weasley, os amigos e lugartenentes de Harry, que lembra á tensión sexual non resolta entre Han Solo e a Princesa Leia.

A veterá escritora estadounidense Ursula Le Guin, autora de A Wirzard of Earthsea (Un mago de Terramar), obra coa que se adoita comparar a heptaloxía pottérica, sinala que entre os moitos méritos de Rowling non se atopa o da orixinalidade temática.

Non está trabucada Le Guin. A propia JK lle admitiu ao seu amigo o actor Stephen Fry nunha entrevista que se ten tomado "liberdades horribles" co folclore europeo. "Non estou nin un chisco avergoñada disto. O folclore e a mitoloxía británicos son completamente bastardos. Fomos invadidos por pobos e apropiámonos dos seus deuses, das súas criaturas míticas. Os nenos saben que eu non inventei os unicornios, pero teño que explicarlles que tampouco son a creadora dos hipogrifos".

Marilar Aleixandre foi a encargada de sentar as bases de Harry Potter en galego para a editorial Galaxia como responsable da tradución da Pedra Filosofal. Cando tivo que bautizar na lingua do país todos eses habitantes sobrenaturais recastados por Rowling andou na procura dos referentes máis próximos e requiriu dos coñecementos da Galicia máxica de Xosé Miranda. Así, Dobby, un dos personaxes máis queridos para todos os potterheads —os fans de Harry Potter— é un trasno, mentres que os rexentes do banco máxico de Gringotts son sumicios, o nome que a mitoloxía galega lles dá aos seres que gardan tesouros baixo terra.

Hai uns meses, no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, Aleixandre volveu sobre o universo artellado por Rowling, onde un garabullo de sabugueiro —ou bieiteiro—, é a máis poderosa de todas as variñas máxicas, tirada dunha árbore cuxas flores se recollen para o cacho do lume novo e que servían para lles facer unha infusión ás pícaras doentes dos contos marabillosos de Hans Christian Andersen.

A catedrática de Literatura Medieval no Saint John’s College de Oxford Carolyne Larrington sostén que JK Rowling foi quen de despregar habilmente motivos do folclore longamente establecidos para acender a imaxinación dos seus lectores, novos e vellos. "Sitúa os habitantes da tradición oral europea no centro dos seus escritos, reformula as lendas e os seus personaxes para explorar os temas que sempre lle importaron á humanidade: a vida, a morte e todo o que queda no medio", apunta.

Como sucedera coas creacións de JRR Tolkien e C.S. Lewis, Harry Potter bebe na fonte do folclore de vello para crear cultura pop, o folclore da sociedade de masas. Rowling recicla os mitos milenarios, pero é unha muller do seu tempo. Harry Potter nace nos estertores do thatcherismo e a autora resulta unha laborista confesa, admiradora de Jessica Mitford. O mundo dos meigos vaise facendo máis complexo e escuro a canda os protagonistas e os seus lectores, que medran a un tempo. Os perigos e os monstros son cada vez máis terroríficos, malia non seren os únicos inimigos: velaí están a burocracia, a corrupción, o abuso de poder, o clasismo, a exclusión, a xenofobia, o sexismo e o racismo.

A profesora universitaria Isabelle Smadja defende que Harry Potter é o primeiro heroe de ficción do altermundismo, que nesa altura está a se sublevar en Seattle e Chiapas e reflexiona no Foro Social Mundial de Porto Alegre.

Os cincocentos exemplares tirados por Bloomsbury axiña se fan poucos. Harry Potter e a pedra filosofal é un libro extenso para o que se estila en literatura infantil, pero a rapazada devórao. Amais dun mundo que prende, as frases curtas e sinxelas elixidas por Rowling animan á lectura, mesmo á daqueles que teñen algunha dificultade coa linguaxe quedan atrapados na trama e son quen de rematar as 225 páxinas do volume.

Co Harry Potter de Rowling funcionan o boca a orella e a prescrición escolar. Para 1999, cando se traduce ao castelán —ata 2002 non chegará en galego— os tres primeiros exemplares da serie tiñan despachado máis de dez millóns de exemplares no mercado anglosaxón. É nese mesmo ano cando Warner Bros se interesa pola historia e lle paga a Rowling un millón de libras polos dereitos do seu neno meigo.

Xa desde 1998 os seareiros de Harry Potter comezaran a formar comunidade en internet, un recurso que acababa de chegar ao ámbito doméstico, pero a irrupción de Hollywood e da industria sentenza o agromar do fenómeno transmedia. No Nadal de 2001 estréase a primeira película e, en 2003, o diccionario Oxford incorpora o vocablo muggle —acuñado por Rowling para referire ás persoas que carecen de facultades máxicas—. Para 2007, cando a escritora lle entrega ao prelo a derradeira novela da heptaloxía e xura e perxura que non haberá máis Hogwarts, calcúlase que a marca Harry Potter vale 15.000 millóns de dólares.

Durante case que dez anos, Rowling cumprirá a medias a súa promesa de non volver sobre o universo pottérico. Saen do prelo materiais complementarios —os contos de Beedle o Bardo, unha guía de quidditch, o deporte dos meigos, un manual escolar sobre animais fantásticos— que son recibidos con agoiro por unha comunidade de fans —o fandom— que mantén a historia viva en internet.

Sinala Henry Jenkins, profesor estadounidense e teórico da cultura da converxencia na que conflúen os vellos e os novos medios, que o fandom xorde dun "delicadísimo equilibrio" entre a fascinación e a frustración que produce un ben cultural: se os contidos non entusiasman, xamais nacerá o desexo de conectar con eles, e se, por contra, non resultan aínda que sexa un chisco decepcionantes, non xermolará a motivación para reescribilos.

Millóns de seareiros escriben fanfictions, relatos inspirados no mundo de Harry Potter, que manteñen viva a narración de igual xeito que os trobadores medievais refacían unha e outra vez romances e cantares de xesta debedores dos mitos e relatos máis antigos. O fenómeno de Harry Potter é unha mestura de viralidade nas librarías e do entusiasmo dunha comunidade de adolescentes ‘early adopters’ ou consumidores pioneiros. En páxinas web como The Leaky Cauldron, Mugglenet.com, BlogHogwarts ou Oclumência publican bestiarios de criaturas máxicas, potterpedias, podcast radiofónicos, debuxos, cancións... mentres agroman ligas de quidditch para muggles en cidades de todo o mundo. Hai mesmo unha liga galega con equipos que se chaman Lucus Centauri, Lumos Compostela, Pontevedra Quidditch Club, Dementores da Coruña...

Jenkins defende que os fanfics son o modo que ten a cultura popular para reparar o dano feito nun sistema no que os mitos "lles pertencen ás corporacións non canto de pertencerlle ao pobo, á xente, como lle pertencían nas sociedades primitivas". Por iso, cando en 2011 JK Rowling anuncia o lanzamento do portal de internet Pottermore —"o proxecto transmedia máis importante da cultura pop", valora Jenkins—, este académico pregúntase se non será un agasallo envelenado, un "cabalo de Troia para facerse co control de todo o fandom de Harry Potter e privilexiar uns seareiros sobre outros".

Á posta en funcionamento de Pottermore seguiulle o anuncio dunha nova triloxía de películas e a estrea dunha obra de teatro, cuxo libreto responde a todas as características dos fanfics que publican as fans en internet. Ninguén querería matar a galiña dos ovos de ouro. Se o económico non fose motivo abondo, semella que Rowling se ten convertido noutra potterhead máis que se resiste a deixar marchar a Harry.

Comentarios