Sonata(s) de estío

Malia collerlle emprestado o título para este artigo, non me propoño falar de Valle Inclán, senón de cancións. O descanso estival pide unha certa frivolidade e a ela me dispoño. Non sei que cancións soarán este verán, mais lembro tantas doutros que podo marcar con elas os calendarios da miña vida. Algunhas están ben afastadas dos meus gustos de hoxe. Como nacín a finais da década dos corenta, e de cero a dous anos non lembro nada, comezarei coas dos anos cincuenta. Por exemplo ‘Smoke gets in your eyes’ dos Platters e varias de Paul Anka como ‘Lonely boy’ ou’Diana’. As irmás Fleta cantaban ‘Pénjamo’, que lle imos facer; los Llopis ‘La puerta verde’ e trunfaba a orquestra de Pérez Prado co ‘Mambo nº 8’. Como as modas non eran tan efémeras como agora, seguían a soar moito en décadas posteriores e por iso as coñezo, porque, a verdade, as miñas cancións daqueles días eran as de xogar á roda: ‘A Atocha va una niña, tarar’, ‘Al pasar la barca’, ‘Viva la media naranja’ou ‘Que llueva, que llueva’. E tamén as tradicionais galegas que se cantaban na casa nas sobremesas dos días de festa. Sabía algunhas de gregoriano, porque meu pai, moi amante dos latíns, descubrira a súa efectividade á hora de nos adurmiñar. Das que recordo dos sesenta rescataría ‘Honey’, cantada por Bobby Goldsboro, ‘La noche’ de Adamo, ‘Elois’ de Barry Ryan, ‘Yesterday’ de Lennon/McCartney, ‘I remember you’, por Frank Ifield e, desde logo, trato de esquecer’La minifalda’ de Manolo Escobar ou ‘Las flechas del amor’ de Karina. A década comezara cunha auténtica canción do verán, ‘Cuando calienta el sol’ dos irmáns Rigual que a Igrexa consideraba pecaminosa.

 

Dos setenta ‘Zingara’, por Nicola di Bari, que máis tarde abandonaría pola versión de Iva Zanicchi, ‘Amores’ de Mari Trini, ‘La estrella de David’, por Juan Bau e algunha de Cecilia; mais tamén chegaba Patti Smith con ‘Because the night’ ou Boby Vinton coa inesquecíbel ‘Sealed with a kiss’, aquela canción na que se prometía, tras un romance de verán, enviar unha carta selada cun bico.

Os oitenta deixáronme, non sei por que, menos recordos musicais. Graciosa aquela tan pouco feminista ‘Champú de huevo’ de Tino Casal e triste ‘El hombre del piano’ que canta Ana Belén e me recorda a novela ‘El pianista’ de Vázquez Montalbán.

 

Cos noventa pásame outro tanto. Lembro ‘Iberia sumergida’ de Héroes del Silencio, ‘Espaldas mojadas’ de Tam Tam Go, ‘Nobody home’ de Amy Grant e pouco máis.

 

Estas son as que podo situar no tempo, mais as preferidas fican fóra del, no espazo dos sentimentos que non envellecen. Alí están ‘A casa do sol nacente’, ‘Summertime’, ‘Layla’, ‘Feelings’, ‘Negra sombra’, ‘Kalinka’, ‘Lágrima’ e moitas outras que si son as cancións da miña vida. Constato que cada vez lle sumo menos de entre as novas. Será un mal síntoma para min ou para as cancións que saen agora? Desde logo que, por máis que me esforce, non me din nada cousas como ‘Opá, yo viazé un corrá’.

Comentarios