"Están postas todas as papeletas para que isto poida converterse nunha serie importante"

"Son un individuo moi de rúa, moi do barrio de Teis"

"Un porrón de anos". É o que leva Morris facéndonos sentir, facendo que empaticemos con el a través das vidas dos seus personaxes, que abarca coa honestidade propia de quen ama o que fai. Nesta edición do FicBueu leva o Premio Cine Galego, pero non fai balance, senón que mira cara adiante coas ganas dun aprendiz pero ca sabiduría dun artista
Antonio Durán, 'Morris'
photo_camera Antonio Durán, 'Morris'

Premio ao Cine Galego. Iso soa a recoñecemento a toda unha vida, non? Pero, como comezou Morris?
Pois eu realmente nunca fun actor de vocación de pequeno, non sabía que ía facer de maior e non quería seguir estudando. Empecei a facer teatro no Instituto da Guía e, a pesar de que non son un tío especialmente divertido, subíame ao escenario e 'descojonábanse' de risa comigo. Liberábame moito facer teatro. De aí xa me liei nunha asociación xuvenil no barrio de Teis, en Vigo, e despois xa fundamos a compañía 'Artello'. Anos máis tarde apareceu o Centro Dramático Galego, que foi fundamental para poder vivir disto. Logo veu a tele, o cine... Digamos que profesionalmente vivo disto desde o ano 79 ou 80. Un porrón de anos.

Que importantes son os grupos de teatro nas escolas, non?
Si, porque ademais dubido que haxa moito actor que teña desde neno ese sentimento vocacional. Si que che apetece divertirte experimentando. Ata que non coqueteas ca profesión non lle colles o 'gusanillo'.

Vostede toca todos os paus interpretativos. Cine, televisión, teatro... Pero onde se conseguen as táboas? En cal dos tres formatos está máis a gusto?
Eu penso que o teatro é fundamental. Atópome moi cómodo nel, pero mentiría se dixera que a día de hoxe non me atopo igual de cómodo, se cabe máis, no audiovisual. Onde realmente estou ben é nun proxecto que me interese, independentemente do formato. O que si creo é que se hoxe son un actor medianamente solvente é por ter manexado as tres linguaxes interpretativas.


Sobre
 A Esmorga: 
"Os galegos parece que non acabamos de identificarnos co noso cine, pero neste caso a xente saía orgullosa de ver a película"

Cine e lingua: 
"A TVG foi fundamental para normalizar a lingua e seguirá sendo o motor da industria audiovisual aquí"


Pratos Combinados foi a serie que máis o uniu co público galego. Nela interpretaba un personaxe cómico, pero logo viñeron outros moito máis dramáticos. É difícil cambiar así de pel?
Creo que teño a vantaxe de que son bastante camaleónico fisicamente. No interpretativo é igual de difícil. Non existe unha matemática á hora de abordar os personaxes. Custoume menos traballo meterme nun papel dramático que nun cómico. A comedia, dende logo, esixe moita enerxía, e facer rir é tremendamente difícil. Creo que un aprende a darlle credibilidade a todo, cunha certa honradez, e tenta empatizar co espectador.

Como foi a experiencia de traballar en A Esmorga? Sorprendeulle a boa acollida que tivo?
Foi moi enriquecedora e gratificante. Os tres actores estabamos moi en contacto entre nós e antes de firmar xa tiñamos algo de medo porque, como eran uns personaxes que estaban no imaxinario de tanta xente que xa lera a novela corriamos o risco de non responder a ese sentimento. A película é como unha viaxe ao corazón dos tres. Foi un proceso sufrido, pero síntome moi orgulloso disto. Era algo que tamén dicían os espectadores cando saían do cine, que se sentían moi orgullosos. Os galegos parece que non acabamos de identificarnos co noso cine, co noso teatro... pero nese momento a xente transmitía orgullo.

Marcou un antes e un despois no cine galego?
Eu creo que si, porque se fixo unha campaña de publicidade en Galicia proporcionalmente igual ás campañas que se fan a nivel central. Empregamos cartelería e percorrimos toda a comunidade. Unha das cousas que se conseguíu foi que unha película en versión orixinal en galego entrara nos centros comerciais, e as cifras andaban sobre os 50.000 espectadores en Galicia, que é moitísimo.

Que non funciona na industria audiovisual galega para que sexa tan difícil que os proxectos sexan coñecidos?
Pois que é moi difícil entrar nas pantallas. Eu estou nunha pequena xoia, que é Dhogs, unha película de Andrés Goteira, de Gaita Films, que estivo na Arxentina, en Londres, e agora vai estar no Festival de Sitges. Pero despois vai ser difícil que se distribúa porque os centros comerciais están copados polas grandes produccións e porque se non tes unha distribuidora potente non hai forma. Moitas películas quedan en pases televisivos ou en festivais.

No que ten que ver ca difusión, a Televisión de Galicia sempre foi unha aliada da ficción. Incluso como ferramenta lingüística.
A aparición da TVG foi fundamental para a normalización da lingua, e sempre foi, e é, o motor da industria audiovisual aquí, porque creou profesionais. Os actores e directores labráronse en series aquí durante anos e anos. Eu creo que non hai profesionais no cine de aquí que non pasaran nalgún momento pola TVG ou por produtoras que facían algún traballo para ela.

Que tal leva a distancia curta?
Ben, porque son moi transparente. Explico todo así, como cho estou explicando a ti agora. Un pouco os procesos internos e como os vive o Morris normal. Considérome un individuo moi de rúa, moi normal, moi de Teis.

Proxectos no horizonte?
Levei unha alegría tremenda. Son dos que pensan que se traballas no que che gusta, se te divirtes, se estás vivindo diso, e se aínda por riba hai xente que pensa que es merecedor dalgún premio por iso, sería de 'gilipollas' non gozar diso e non facer gozar aos que mo dan.

Comentarios