Lunes. 17.12.2018 |
El tiempo
Lunes. 17.12.2018
El tiempo

Braulio Vilariño: "Somos o reverso do capitalismo rosa"

Braulio Villarino
Braulio Villarino
Braulio Villarino é voceiro do colectivo Agrocuir da Ulloa, que desde mañá celebra unha nova edición do seu festival

BRAULIO VILARIÑO, Lalo, defínese como taberneiro e "enlazador de mundos". A súa primeira faceta é ben coñecida en todo o país, xa que estivo durante décadas á fronte do Modus Vivendi de Compostela, o primeiro pub de Galicia. No seu Palas de Rei natal púxose detrás da barra da Casa do Outeiro e do Central. Vén de cumprir sesenta anos, pero a súa capacidade argalleira mantense intacta. El é un dos integrantes do colectivo Agrocuir da Ulloa que desde mañá e durante toda a xornada do sábado celebra a cuarta edición do seu festival coa Granxa Maruxa de Cumbraos, en Monterroso, como principal escenario.

Mentres ten lugar esta conversa, actúan Las Antonias na terraza da Casa do Outeiro de Palas e un grupo de peregrinos malagueños bailan e trasegan cubatas como se mañá non tivesen que erguerse ás cinco da mañá para andar trinta quilómetros ata Arzúa. Braulio saúda a uns e outras e explica que a sensación é de expectación e ganas ante un novo Agrocuir, mais tamén agridoce cando acaban de coñecer o pasamento do galegoescocés John Scullard, amigo e técnico de son en citas anteriores.

O Festival Agrocuir ten conseguido na súa breve existencia consolidarse no almanaque estival galego. "A xente xa sabe que a nosa é a derradeira fin de semana do mes de agosto". Desta volta, será a primeira entrega baixo a marca Agrocuir e non Agrogay. "Queriamos facelo máis amplo. A etiqueta gai redúcese normalmente a homes homosexuais e nós queremos facer fincapé nas invisibilizadas do colectivo LGTBIQ, as lesbianas e bisexuais e, sobre todo, os homes e mulleres trans".

'Cuir' é unha transcrición fonética da palabra inglesa queer, que segundo o diccionario Oxford é un adxectivo que se emprega para defir algo que é raro ou extraño e tamén un substantivo de uso pexorativo para as persoas non heterosexuais. Desde hai décadas, a palabra queer é un termo do que se teñen reapropiado lesbianas, gais e transexuais e que hoxe esgrimen con orgullo. "A min gústame máis a palabra galega proa que orgullo", especifica Braulio.

Deriva a conversa cara ás celebracións do Orgullo Gai. "Ten que habelas e temos que defender que as haxa, pero nós estamos máis preto das orixes, herdeiros do movemento pola defensa dos dereitos civís en Estados Unidos nos sesenta e nos setenta, que aínda que agora se asocie a homes brancos, tivo como pioneiras as trans das comunidades portorriqueña e afroamericana", sinala.

Por iso Braulio di que o seu Agrocuir é un reverso do "arquetipo do capitalismo rosa", asociado a "homes brancos, de economía saneada, de profesión creativa e que viven en Chueca". As mulleres e homes Agrocuir da Ulloa defenden un modo de vida contrario ao consumismo e conectado á terra e ás raíces, ás identidades.

Amais de enfrontar a homofobia, eles vense diante da "pailanfobia ou ruralfobia". "O de pensar que por vivirmos no rural imos atopar un contorno menos favorable forma parte dos propios prexuízos que existen sobre como é a xente das aldeas", sentenza.

El séntese feliz de formar parte dun mundo no que conviven iniciativas como Quercus Sonora ou Son d'Aldea, no que funcionan proxectos pioneiros como Granxa Maruxa, Arqueixal, A Casa da Terra ou Milhulloa, no que as meniñas "son fans de Tanxugueiras ou de Sés" e no que as ligazóns van e veñen en todas as direccións.

O Agrocuir comeza mañá con Silvia Penide e Radio Cos na vila de Monterroso e continuará en Cumbraos o sábado con Rodrigo Cuevas e Mercedes Peón e actividades dirixidas a toda a familia para volver a Monterroso cos cantos de taberna. Os recoñecementos desta edición serán a carácter póstumo a María, de Albá, a primeira muller trans da Ulloa, que morreu hai tres anos, e á asociación Arelas.

Concorda Braulio con que buscar "a luz do día" e que o Agrocuir estea dirixido "a un público interxeracional" axuda á "normalización" da loita LGTBIQ, a transcender "o cuarto escuro".

O taberneiro enlazador de mundos bule xa con novas ideas e explica que para vindeiras edicións tentarán incorporar a posibilidade de que algúns asistentes ao festival poidan aloxarse en vivendas de veciños da contorna, "pero que teñan explotación, ou animais, horta..., para que vivan a experiencia rural completa", chancea. Xa os Agrocuir serven de hóspedes aos artistas que se pasan polo festival. "Rodrigo Cuevas e Mercedes Peón van durmir baixo o mesmo teito, co fan que el é dela. Imaxinas que colaboración máis bonita podería saír daí?", maquina Braulio.

Braulio Vilariño: "Somos o reverso do capitalismo rosa"
Comentarios