Somos finalistas de Campo da Feira a través

COMO ERA O último día, e aínda que se deitaran tarde polo concerto de Sabina, ás once xa estaban en formación para escoitar a Fermín Avellaneda, que sabe todo o que hai que saber do ferrocarril en Galicia.
—Non vexo o momento de que chegue o AVE a Lugo — di a Filomena — Daquela arribaremos da aldea nel e a estación estará chea de paparachis e de mamariachis pra afotografarnos, como lle pasa á duquesa de Alba cada vez que pon un pé en Santa Xusta.
—¿De Moraña?
—¡De Sevilla, ho, de Sevilla! ¿Ou é que ti non ves nunca o “Sálvame de Muxe”?
—A verdade é que non — confírmalle o Pelúdez —. Eu da tele xa non vexo máis co mando a distancia, por se ti dis que che cambie de canle. Pasamos pola Feira Medieval e alí estaba Miguel Franco, apañando cartos prós velliños de Lugo, coma sempre.
—¿Como vai o día, Miguel?
—Ben, eiquí estamos, facendo a esquina.
—Toma un euro, que se cadra serve pra que teñamos nós unha sopa o día de mañá.
Cando subimos ata a Praza Maior, a Banda Municipal ataca uns trombóns bravos que o Peludeciño trata de identificar.
—Pra min que é unha composición orixinal de Edmund Löffler na versión que fixo pró concerto
de Jubiläumsjahr que festexaba a Stammorchester.
—Imposible que o meu fillo diga tantas blasfemias en tan pouco tempo.
—Non son blasfemias, Peludo — di a muller —. Unha cousa é que ti non as coñezas e outra ben distintiva, que non existan.
Escoitamos a Banda e fomos xantar cando o sol máis pegaba. Diante da estatua de Fole estaba Hortensio, o home orquestra de Viveiro, dálle que te pego.
—Aí o tes — comenta Pelúdez—. Un home con vintecatro instrumentos ás costas. E logo din
que hai paro. ¿E non o vai haber se un tipo fai o traballo de vintetrés e o seu propio? É coma se veño eu so ás festas; troupelexo como a Filomena, cantaruxeo como a Vanesa e pernicocheo como o Peludeciño. Todo por xunto. A cousa pode soar igual, pero os comensais son moitos menos.
Hortensio, que escoita o comentario, bérralle:
—Moi bonito, pero o que ten que traballar menda facendo de mil, tamén terá o seu mérito, ¿ou non?
Como non estaba o bolo prá fornos despois de que o Corbachofalase mal dos galegos, collemos pola Estación de Autobuses e xantamos onde atopamos as primeiras cadeiras baleiras.
Pola tarde todo foi ir ás présas, porque tiñamos que estar presentables prá asistir á VI Gala do Deporte que organiza El Progreso e na que este ano tiñamos unha nominación.
A Reborita, que anda sempre de paspana, amosa a súa sorpresa:
—Non sei nada do que estades a falar. ¿Que nominación temos?
—Somos finalistas na especialidade de Campo da Feira a través, ou sexa, os que máis e mellor atravesamos o Feiral denriba a embaixo, e desquerda á dereita durante as festas.
—¿E contrincantes hai? — pregunta a sogra, se cadra pra calcular as posibilidades de triunfo.
—Pois temos a un negro dos top manta que corre os 100 metros bolsos en dez segundos coa mercadoría ao lombo, e a un policía municipal que corre tras del, pero moito máis despacio.
—Sendo así non hai problema — prognostica a muller —. Temos o premio no peto.
E así foi, cando a presentadora anuncia os finalistas de Campo da Feira a Través, o Gustavo Freire murmura o seu nome.
—Teñen que gañar eles — dixo unha señora —, que levan adestrando ben anos.
—E the winer is... ¡Os Pelúdez!
Subidos ao escenario, o pai di en nome de todos:
—Esta noite marchamos, pero prometido que dentro dun ano estamos de volta. ¡Viva Lugo! ¡Viva o San Froilán! 

Comentarios