Ás sombras do pasado

No caso do mozo branco que matou a tiros en Florida a outro de raza negra xa os comezos do proceso foron escuros. Despois do crime, o autor material entregouse na comisaría; alí dixo que fora atacado polo outro rapaz, máis ben un neno de apenas dezasete anos. A policía deu por boa esta versión, sen máis comprobacións, e deixárono libre. Foi precisa moita presión para que este asunto acabara nun xuízo. Pero ao saber cal era a composición do xurado, xa era imaxinable o veredicto. Cinco mulleres de raza branca, dun total de seis, acabaron decantándose por declarar a inocencia do acusado. O estereotipo funcionou ao cento por cento: o autor dos disparos era un rapaz de raza branca que patrullaba no seu barrio pola noite para protexer á veciñanza; o intruso era un mozo negro que cubría a cabeza cunha carapucha. Suficiente para consideralo un potencial delincuente. O feito é que as estatísticas reafirman esta idea; mentres que apenas o 0,5% dos homes brancos teñen sido encarcerados algunha vez, a cifra para os negros sobe ao 3%, é dicir, seis veces máis. Se nos fixamos nos mozos, os negros teñen case dez veces máis probabilidades de estar na cadea que os brancos. Para os que queiran quedarse coa idea da vinganza, o resentimento pola opresión ou o simple odio racial, os datos veñen a desmentir esa imaxe: as principais vítimas dos delincuentes negros son tamén negros. O que si é evidente é que a traumática odisea dos afroamericanos está na raíz do problema. Todo o que se ten dito da escravitude quédase pequeno ante unha barbarie que legalizou o desmembramento das familias ou a violación das mulleres. Foron moitos os que se opuxeron a que os negros foran á igrexa ou aprenderan a ler, co pretexto de que isto estaba reservado aos humanos. Naturalmente, os racistas de onte e hoxe ven desmentidas as súas teorías da superioridade branca coa presenza na Casa Branca dun negro, un dos mellores presidentes que ten tido o país. Neste senso, convén fixarse en que Obama está comprometido coa reivindicación dos dereitos civís iguais para todos pero, por outra parte, tamén alza a voz para que os afroamericanos poñan algo da súa parte para saír adiante, reforzando a noción de familia (a maioría dos homes non asumen a paternidade), e o concepto do esforzo (os mozos foxen da escola e moitos adultos confórmanse cos subsidios da beneficencia). Finalmente, está a actitude violenta que tantos receos esperta entre as outras comunidades. De feito, ao autor dos disparos vanlle devolver a pistola. Por situacións como estas, América dá medo.

Comentarios