Solidariedade con froito

A nena Joaninha, filla dun camioneiro de Transportes Paraíso, xa ten o aparello de 7.000 euros co que se poderá poñer en pé, logo de que recolleran case 10 toneladas de tapóns
Joaninha, co aparello que a axuda a poñerse de pé
photo_camera Joaninha, co aparello que a axuda a poñerse de pé

A pequena Joaninha, filla dun condutor de Transportes Paraíso en Xove, xa ten o aparello que a axudará a poñerse en pé. O seu pai, Paulo Sousa, comenta que lograron os 7.000 euros precisos para a compra desta silla de rodas logo de recoller case dez toneladas de tapóns de plástico nunha campaña á que axudaron moito os seus compañeiros e á que se sumaron numerosos colectivos da comarca.

Joaninha ten unha parálise cerebral e unha mobilidade moi recudida a causa dunha hidrocefalia, cun nivel de discapacidade do 95%. Aos seus doce anos xa pasou por varias operacións, a última nas pernas, que requería como complemento a adquisición deste aparello de elevado custo por ser feito á medida e ao que a rapaza aínda se está adaptando.

"Ao principio cando son cousas novas estrésase e chora. Hai que ir moi despacio e facendo fisioterapia tamén para conseguir poñela en pé. É un aparato moi feo, pero necesario para ir pouco a pouco poñéndoa en pé, para que se erga e gane forza na espalda", comenta o pai.

Cada pequeno avance na calidade de vida da nena é unha gran alegría para os seus pais, que fan todos os esforzos posibles para que Joaninha teña a maior mobilidade, dentro das súas limitacións. Segundo foi medrando precisou de novos aparellos e con este agardan que traia un cambio positivo, pois tendo en conta que apenas se pode mover, que se sosteña é un gran paso.

Os compañeiros de Transportes Paraíso e da gasolineira Camba en Xove, do mesmo propietario, comezaron a recoller tapóns en setembro do ano pasado, en canto coñeceron o motivo polo que Paulo Sousa o facía. A partir de entón foron moitos os colectivos e empresas que se sumaron dende distintos puntos da comarca. A campaña tivo tamén unha forte pegada en Portugal —a familia reside en Viana do Castelo— e ao final lograron xuntar "51 big bags con 9.520 quilos". Isto xunto cos 4.000 euros que recadaron nun rally Raid TT fixo que conseguiran o diñeiro necesario, algo que agradecen infinitamente a todas as entidades e persoas anónimas que os axudaron.

Comentarios