Solicitan prisión para o alcalde de Palas por mobbing á secretaria

O fiscal pide tamén 12 anos de inhabilitación por prevaricación e o xuízo arranca o martes na Audiencia Provincial
Pablo Taboada
photo_camera Pablo Taboada

O fiscal pide para o alcalde de Palas, Pablo Taboada, dous anos de cárcere por un delito de acoso no traballo e doce anos de inhabilitación para emprego ou cargo público por delitos de prevaricación, todos eles contra a exsecretaria municipal Celia González Vázquez.

O ex rexedor Fernando Pensado enfróntase a esa mesma pena nun caso que fará que tamén senten no banquiño varios concelleiros e traballadores municipais de Palas. A vista oral por estes feitos celebrarase na Audiencia Provincial desde o próximo martes ao venres.

Segundo o fiscal, o acoso á entón secretaria de Palas empezou con Pensado de alcalde. Acúsao de presionar no traballo "de forma dolosa e intencionada" á funcionaria, de darlle un trato "totalmente inadecuado" e de permitir que o persoal desobedecera as súas ordes, "dando lugar a que esta se diera de baja" e someténdoa a un "clima de tensión insostenible" cando se reincorporaba.

No escrito de acusación, tamén se culpa a Pensado de nomear secretario accidental a C.O.V., "a sabiendas de su ilegalidad" -non reunía os requisitos-, pola "fidelidad que le profería" e retribuíndoo "por encima de su categoría".

O fiscal di que cando Pablo Taboada chega á alcaldía "se une a esta situación de mobbing" á secretaria, a quen "le da a entender que si no hace lo que él quiere le bajará el sueldo". Ademais, «la cambia de despacho y la suspende de empleo y sueldo de forma provisional varias veces», sen ter competencias para facelo e pese a que o xulgado do Contencioso obrigaba a readmitila e a indemnizala. «Todos los expedientes frente a Celia González fueron recurridos ante los tribunales y ganados por la secretaria», conclúe.

O fiscal acusa tamén a Taboada de nomear secretario de forma ilegal a C.O.V. e, como Pensado, de dar orde de pago de nóminas pese a reparos da secretaria, incumprindo a lei. Menciona ademais o seu voto plenario para destituír a funcionaria "a sabiendas de la ilegalidad del acuerdo". Ambos enfróntanse a dous anos de cárcere, doce de inhabilitación para emprego público e oito meses de multa cunha cota diaria de 15 euros.

As penas máis altas que solicita o fiscal son para C.O.V., que se enfronta a catro años de cárcere (dous por usurpación de funcións públicas e dous por mobbing), e para a tamén funcionaria MM.P.P., á que lle pide sete anos, ao sumarlles aos delitos achacados a C.O.V. outro de infidelidade na custodia de documentos, penado con tres anos. Acúsaa de alterar o rexistro e de facer actos propios da secretaria de forma ilegal, como firmar certificacións.

Por último, os funcionarios JM.V.P. e ML.N.S. enfróntanse a dous anos por acoso e o fiscal pide dez de inhabilitación a catro edís que votaron a destitución da secretaria e ao entón director xeral de Administración Local, por un informe ilegal sobre o caso.

Comentarios