Sogama insta á ciudadanía a tomar conciencia sobre o desperdicio de alimentos no Día Mundial do Medio Ambiente

No Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebra hoxe, día 5 de xuño, a Organización das Nacións Unidas para a Agricultura (FAO) quere sensibilizar á sociedade sobre a protección do contorno. Este ano farase especial reflexión sobre a elevadísima porcentaxe de alimentos que acaban no cubo do lixo, cunha campaña que levará o lema de “Pensa. Aliméntate. Aforra” e que pretende dar a coñecer o impacto ecolóxico, económico e social que teñen as nosas decisións alimentarias e como tomalas.

Segundo a FAO, cada ano desperdícianse no mundo 1,3 billóns de toneladas de comida, o que equivale á produción alimentaria total de toda a África Subsahariana; un dato que fai máis dramático outros sobre a fame mundial que indican que 1 de cada 7 persoas do planeta vaise á cama famenta e máis de 20.000 nenos menores de 5 anos morren de inanición cada día.
 
Por outra banda a FAO apunta que a produción global de alimentos ocupa un 25 por cento da superficie habitable, un 70 por cento do consumo de auga, un 80 por cento de deforestación e un 30 por cento de gases, posicionándose, polo tanto, como unha das actividades que afectan en maior medida á perda de biodiversidade e aos cambios no uso do solo.
 
É por iso que a produción, comercialización e consumo de alimentos esixe un cambio de rumbo que permita inverter unha tendencia que está a ocasionar serios prexuízos de todo tipo. Faise necesario, polo tanto, abrir a porta a certas decisións que permitan reducir a xeración de residuos, aforrar cartos e diminuír o impacto medioambiental.
 
 


EXQUISITOS MENÚS A PARTIRES DE SOBRAS DE COMIDA
 
Pola súa parte, Sogama tamén quere aportar o seu pequeno gran de area no proceso de concienciación social sobre a imperiosa necesidade de reducir os refugallos de alimentos. E con este obxectivo editou no seu momento unha publicación gastronómica que, baixo o título Para repañar o prato!, presenta exquisitos menús elaborados a partires de sobras de comida, poñendo freo ao incesante malgasto de ingredientes que poden ser aproveitables a través de novas preparacións culinarias. Entrantes, carnes, peixes e sobremesas constitúen os apartados nos que se estrutura a edición, que á súa vez proporciona trucos e consellos cos que propiciar unha mellor conservación dos alimentos.
 
A través deste libro de receitas preténdese trasladar igualmente ao lector unha serie de recomendacións coas que diminuír a xeración de residuos na compra. Así, destácase a necesidade de planificar o consumo, facer unha lista do realmente necesario e non deixarse levar polas ofertas de produtos irrelevantes, utilizar o carro da compra, evitando as bolsas de plástico dun só uso, rexeitar os envases e envoltorios superfluos e, sobre todo, empregar o sentido común.


MÁIS ALIMENTO, MENOS DESPERDICIO

O ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente presentou en abril a estratexia “Máis alimento, menos desperdicio”, que ten por obxectivo limitar e reducir as perdas de alimentos. As grandes áreas de actuación nas que se baseará o desenvolvemento desta iniciativa centraranse na realización de estudos “para coñecer canto, como, onde e o porqué do desperdicio de alimentos”. Con tal fin procederase á elaboración de guías de boas prácticas e accións de sensibilización dirixidas aos axentes da cadea alimentaria, a restauración e os consumidores; á análise e revisión dos aspectos normativos que incidan sobre a xeración de alimentos desbotados, como a recente derrogación da fecha límite de venda do iogur; ao impulso de actuacións en colaboración con outros axentes para reducir o desperdicio e maximizar a redistribución de alimentos desbotados; e ao fomento do deseño e desenvolvemento de novas tecnoloxías para mellorar a eficiencia no aproveitamento de produtos.

Comentarios