Sobre a integración de Galicia e o norte de Portugal

Nos últimos días veciños de Valença do Miño manifestáronse ondeando bandeiras españolas e colgándoas nos balcóns das súas casas. Era un modo de protestar polo peche do seu servizo de urxencias, que os colocaba en peor situación, tanto para a atención continuada en Melgaço, como para a os servizos hospitalarios en Viana, con respecto a que poderían recibir en España, que estaban dispoñibles a unha menor distancia en Tui e en Vigo, respectivamente.

Formaba parte dunha protesta contra os efectos do duro plan de axuste aprobado hai un mes en Portugal, que comprende unhas severas medidas de aforro no sector público, coa conxelación salarial dos funcionarios e a venda de empresas públicas. E que tamén inclúe recortes nos servizos públicos, cun plan de racionalización dos servizos sanitarios, que provocou entre outros casos o peche das urxencias en Valença.

Os convenios comunitarios sobre Seguridade Social, reforzados con algúns acordos específicos entre Portugal e España, permiten aos seus cidadáns usar a tarxeta sanitaria europea para recibir atención en hospitais e consultorios do país veciño, sendo despois compensados os custes orixinados polas respectivas administracións.

Pero a imaxe destas protestas é ademais un símbolo dos cambios favorecidos pola integración europea. Non deixa de ser ben ilustrativo que sexan os veciños dunha poboación que tivo un orixe defensivo contra España, a fortaleza de Valença, quen ondeara hai uns días esta bandeira ‘estranxeira’.

A integración entre Galicia e o Norte de Portugal ten avanzado moito na vida real sobre todo para os cidadáns das áreas máis próximas, superando algúns receos e medos existentes noutras épocas. Esta integración queda reflectida nas variadas relacións existentes tanto comerciais e empresariais, como tamén sociais e culturais. Hai empresas establecidas a ambos lados da fronteira e tamén hai numerosos cidadáns que se desprazan a diario por ter o seu traballo no outro país.

Polo contrario os avances a nivel administrativo son máis limitados. Iniciativas como as do Eixo Atlántico que hai case vinte anos nacera impulsada por seis cidades galegas e do norte de Portugal apenas pode presentar resultados concretos no seu balance, a pesar de que sigan mantendo as súas xuntanzas e ampliaran o número de municipios representados.

Incluso a constitución dunha Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza (AECT), que sería unha das tres primeiras establecidas na Unión Europea, precisamente para recoller e impulsar os avances na integración protagonizados polas súas sociedades, está tendo un lento desenvolvemento, desde o seu teórico nacemento no ano 2008. Esta Agrupación de Cooperación Transfronteiriza ten a vantaxe de posuír unha entidade xurídica propia e poder contar así cunha estrutura administrativa estable para servir de canle ás iniciativas dos axentes económicos e sociais. Entre os proxectos que poderían xestionar están servizos como liñas de transporte ou infraestruturas tales como hospitais que dean servizo a municipios de ambos lados da fronteira. Foi precisamente un recorte nos servizos sanitarios de parte da poboación transfronteiriza quen motivou a curiosa manifestación que poderiamos calificar de «integradora» de Valença.

Comentarios