Sobre a compra de Puleva por Lactalis

A ADQUISICIÓN DE PULEVA POR PARTE DE LACTALIS constitúe unha operación de gran importancia para o sector lácteo en Galicia e en España. Puleva era empresa líder nos leites especiais e unha das primeiras en España por volume que ten unha das súas fábricas en Lugo, precisamente a que procedía da venda de Leyma a mediados dos anos noventa e que anteriormente, uns trinta anos atrás, fora o froito do empuxe dun grupo de gandeiros lucenses. Deste modo Lactalis vaise converter na primeira empresa en recollida de leite en Galicia, con case un trinta por cento do total, cun volume superior ao controlado polo conxunto das empresas de dirección galega.

Lactalis é unha das primeiras empresas lácteas non só da Unión Europea, senón a nivel mundial procesando un volume equivalente máis de catro veces a produción galega. Coa súa base en Francia, ten ampliado as súas actividades de produción a varios países europeos e a Estados Unidos. Con esta operación Lactalis convértese no primeiro operador lácteo en España ao engadir a súa fábrica inicial de Vilalba, as procedentes das compras realizadas nos últimos anos como son Lauki e Cervera, a empresa queixeira de Forlasa, a xestionada conxuntamente con Nestlé en produtos lácteos frescos e agora as de Puleva.

Con esta venda tamén quedan limitadas as posibilidades de mellorar a posición secundaria que ten a industria láctea galega no conxunto de España, xa que a participación no capital dunha das empresas líderes como Puleva era unha das opcións posibles para acadar ese obxectivo. E estas limitacións da nosa industria láctea, incapaz de transformar toda a produción, e concentrada na elaboración de leite envasado, afectan tamén aos produtores, que perciben uns prezos algo inferiores aos obtidos nas Comunidades Autónomas limítrofes de Asturias e Castela e León. Por iso non é unha boa nova para os intereses conxuntos do sector lácteo galego. Pero sería mellor que o conselleiro de Medio Rural asumira as súas propias responsabilidades e competencias en vez de lamentarse por esta venda botando a responsabilidade cara afora e á Administración do Estado, que tamén as ten neste caso. A Xunta podería ter apoiado outras alternativas existentes nesa mesma operación ou o proxecto integrador presentado polas principais cooperativas lácteas galegas na utilización da planta de Pascual en Lugo con respecto á opción minoritaria.

Tamén sería bo que con esta adquisición o grupo Lactalis aproveitara a súa expansión en España para estender tamén o modelo francés de relacións interprofesionais. As grandes empresas deberan engadir ao seu obxectivo lexítimo de negocio económico as súas actividades de responsabilidade social corporativa. Os produtores de leite, pero tamén os consumidores, non entenderían que na súa actividade en España rebaixara o modelo de relacións existente en Francia.

Comentarios